A Xunta lanza novas formacións para persoas emprendedoras a través da Rede Eusumo

A Rede Eusumo, impulsada pola Xunta para o fomento e o desenvolvemento da economía social en Galicia, lanza novas formacións gratuítas para todas as persoas emprendedoras que queiran ampliar os seus coñecementos no eido da economía social.

Desde agora ata final de ano, a plataforma en liña desta rede, Campus Eusumo, ampliará a súa oferta formativa con catro novos cursos.

O primeiro deles, «Contabilidade básica para a túa entidade de economía social», iniciarase o 17 de outubro e finalizará o día 31 do mesmo mes. Esta formación fará un repaso dos conceptos e os instrumentos clave da contabilidade e as finanzas co obxectivo final de que as persoas que o cursen melloren a xestión da súa empresa.

«Procesos de internacionalización para entidades de economía social» será a segunda formación e levarase a cabo entre o 2 e o 16 de novembro. Neste caso, os contidos estarán orientados a dar a coñecer os conceptos básicos, a importancia do plan de internacionalización, a adaptación do produto a un novo mercado e a xestión operativa para realizar a exportación.

Entre o 14 e o 28 de novembro impartirase o curso «O coaching como oportunidade para emprender», que ten como obxectivo que as persoas interesadas en emprender e crear unha entidade de economía social sexan quen de sacar o mellor partido dos recursos cos que contan e de analizar a súa idea de negocio desde diferentes perspectivas para conseguir os seus obxectivos.

Por último, desde o 28 de novembro e ata o 12 de decembro, lanzarase a formación «A RSE nas entidades de economía social». Este programa formativo estará centrado en dar a coñecer o concepto RSE e todas as súas dimensións, así como a metodoloxía e as ferramentas para analizar e avaliar as diferentes alternativas á hora de incorporar ou manter a RSE no modelo de negocio das entidades de economía social.

Todas as persoas que teñan interese en formarse só precisan crear unha conta no Campus Eusumo, se aínda non o fixeron, e automatricularse en calquera dos cursos dispoñibles. Deste xeito, poderán ampliar os seus coñecementos e adquirir novas competencias, tanto para iniciarse no emprendemento como para mellorar a xestión dunha entidade xa formada.

Ademais, desde a páxina web tamén se pode acceder a todas as formacións que realizan as entidades socias da rede ao longo da comunidade autónoma.

Só o ano pasado, a Rede Eusumo formou máis de 1300 persoas, das cales case o 70 % foron mulleres, e titorizou máis de 230 persoas para que consolidasen os seus proxectos.

Quen queira ampliar a información, pode contactar coa Rede Eusumo a través do correo info@eusumo.gal ou do teléfono 610 17 43 89.

 

Martes, 10 October, 2023 - 23:30

Compartir