Rivo clausura os ‘Cafés con aroma a economía social’ organizados por Foroesgal co gallo de tecer redes e de xerar sinerxías entre os integrantes deste modelo empresarial
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe os Cafés con aroma a economía social organizados polo Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal) co apoio do seu departamento. Alí, loou esta cita que desde 2021 vén reunindo a parte do empresariado da economía social de Galicia para darlle un pulo a este modelo que pon as persoas por diante da renbilidade financeira.
Rivo destacou que Foroesgal está constituído pola Unión de Cooperativas de Galicia (Espazocoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e pola Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga). Representa así arredor de 5000 entidades, cun volume de emprego dunhas 25 000 persoas e máis de 74 000 persoas socias.
Na súa intervención, a conselleira sinalou que con cada unha destas entidades vénse colaborando para seguir impulsando a economía social, con máis emprendemento e emprego, e tamén para acadar un mercado de traballo inclusivo. Celebrou que con encontros coma este se fomenten as relacións a través do diálogo e das experiencias mutuas, intercambiando impresións entre distintos sectores co gallo de xerar sinerxías e de seguir consolidando un modelo que representa máis do 7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego, cun impacto anual duns 850 millóns de euros na Comunidade.
A nivel estatal, a economía social conta con máis de 43 000 empresas, 2,5 millóns de empregos e unha facturación do 10 % do PIB español, revelándose como clave para a cohesión do territorio grazas á súa presenza destacada no rural.
Para seguir promovendo a economía social, cabe lembrar que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade seguirá afondando na difusión da economía social, na creación e consolidación de iniciativas e na promoción do emprego inclusivo.
Así mesmo, segundo apuntou a conselleira, a Xunta de Galicia vén de aprobar -no Consello de onte- a Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, que fomentará o crecemento das empresas e contribuirá a crear novas firmas atendendo á diversificación de sectores. Tamén se está a avanzar na nova Lei de cooperativas, para adaptala aos novos tempos e axilizar a creación de entidades.
Fonte: Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade