A Xunta pon en valor as preto de 350 mulleres formadas nas sete edicións do programa Medrando Xuntas para reforzar o papel feminino na economía social de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participaron hoxe o I Encontro: Mulleres de Medrando Xuntas, no que puideron compartir experiencias todas as participantes nesta formación que cumpre xa sete anos. En total, un total de 341 mulleres participaron nas diferentes edicións, medio cento delas neste 2023.

Nas súas intervencións, os representantes autonómicos puxeron de relevo que o programa gratuíto Medrando Xuntas -impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e igualdade- ten como obxectivo promover o talento das mulleres nas organizacións da economía social, avanzar no seu desenvolvemento profesional e ofrecer un curso específico centrado no empoderamento feminino.

Esta formación conta con dous itinerarios: un de directivas, con 60 horas de formación, dirixido a mulleres con responsabilidades de goberno e dirección, co gallo de potenciar as súas capacidades; e un segundo para socias e traballadoras, con 20 horas formativas, para empoderar as mulleres da economía social, tanto en contornas urbanas como rurais.

Cómpre apuntar que a formación teórico-práctica conta con sesións participativas e tamén con mentorías individualizadas, coa finalidade de que as mulleres aproveiten ao máximo o seu potencial para seguir consolidando a economía social de Galicia. Incídese tanto nas súas habilidades persoais como nas profesionais e foméntase a reflexión conxunta, entre docentes e alumnas e tamén entre as propias participantes, con encontros como o de hoxe.

 

Apoio á economía social

Para seguir impulsando este modelo que prima os beneficios colectivos e sociais sobre a rendibilidade económica, en 2024 increméntase un 3% o presuposto para a economía social chegando aos máis de 43,6 millóns de euros, co propósito de avanzar na creación e consolidación de iniciativas, na súa difusión e na promoción do emprego inclusivo.

A maiores, a nova Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 tamén fomentará o crecemento das empresas deste modelo e a creación de novas firmas, atendendo á diversificación de sectores. Pola súa banda, a nova Lei de cooperativas perseguirá axilizar a creación de entidades minimizando a burocracia, para continuar avanzando na cohesión social e do territorio, xerando emprego inclusivo e igualitario.

Fonte: Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

 

Mércores, 13 December, 2023 - 17:15

Compartir