A Xunta inicia unha formación en igualdade laboral para as persoas que traballan en entidades da discapacidade

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade abriu onte unha nova formación en liña de 30 horas dirixida a un total de 43 persoas que traballan en entidades dedicadas á atención de persoas con discapacidade para formalas nos principios de igualdade.
Esta nova iniciativa de formación enfocada ao sector da discapacidade, que se estreou onte en modalidade telemática, foi deseñada en colaboración coa patronal galega da discapacidade intelectual (Aedigal), a asociación galega da discapacidade In-Red, e a Asociación de Centros Especiais de Emprego de Galicia (Aspais).
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, sinalou que “Ser muller e sufrir unha discapacidade, supón unha dobre discriminación”. Tamén lembrou que as traballadoras con discapacidade non só presentan maiores dificultades para o emprego respecto dos homes, “senón tamén respecto das persoas sen discapacidade en idade laboral”.
O obxectivo da Xunta é chegar ás empresas para que adopten medidas de igualdade no seo das súas organizacións e atendan as necesidades das persoas traballadoras con discapacidade, para evitar que padezan disciminación no eido laboral.
Fonte: Xunta de Galicia