A Xunta celebra que no Informe da economía social 2022 a creación de cooperativas bata récords e Galicia sexa a 3ª comunidade en constitución de sociedades laborais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na presentación do Informe da economía social de Galicia 2022, elaborado polo Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (Cecoop), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Xunta. Alí, celebrou que os datos revelen que a creación de cooperativas segue batendo récords e que somos a terceira comunidade autónoma en constitución de sociedades laborais.

En concreto, en 2022 creáronse na nosa Comunidade 142 cooperativas (a cifra máis elevada da serie histórica) con 542 socias e socios promotores, o 50% deles mulleres. Tamén 24 sociedades laborais, con 58 socias e socios (41% mulleres) e 7 centros especiais de emprego.

Para seguir co pulo a este modelo que prima os beneficios colectivos e sociais sobre a rendibilidade económica, a conselleira recordou que se veñen implemantando medidas que se reforzarán en 2024. De feito, increméntase un 3% o presuposto neste apartado chegando aos máis de 43,6 millóns de euros, co propósito de avanzar -precisamente- na creación e consolidación de iniciativas de economía social, pero tamén co de incidir na súa difusión e na promoción do emprego inclusivo.

Todo para afinazar a economía social, un modelo pegado ao territorio que representa máis do 7% do noso Produto Interior Bruto (PIB), o que se traduce nun impacto anual en Galicia duns 850 millóns de euros.

Así mesmo, Elena Rivo lembrou que a nova Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 tamén fomentará o crecemento das empresas deste modelo e a creación de novas firmas, atendendo á diversificación de sectores. Pola súa banda, a nova Lei de cooperativas perseguirá axilizar a creación de entidades minimizando a burocracia, para continuar avanzando na cohesión social e do territorio, xerando emprego inclusivo e igualitario.

Fonte: Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

 

Mércores, 13 December, 2023 - 17:00

Compartir