A Xunta amplía ata os 4,6 millóns de euros as axudas directas a cooperativas e sociedades laborais no marco do programa Aprol Economía Social, que prevé beneficiar a 158 cooperativas e sociedades laborais así como a incorporación de 312 novos socios

O Goberno galego destinará 1,3 millóns de euros extra a este programa de apoios directos ás cooperativas e sociedades laborais ata acadar un orzamento de máis de 4,6 millóns de euros
O programa contempla dúas liñas de apoios compatibles entre si. A primeira, á que se destinarán 2,4 millóns de euros, persegue o fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, para favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios. A segunda, cun investimento de case 2,2 millóns, promove o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social..
A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser muller ou maior de 45 anos ou a situación en contornas rurais.
Como novidade este ano poden acollerse á primeira liña as cooperativas ou sociedades laborais que proceden da reconversión ou transformación de empresas mercantís, cando incorporan como socias traballadoras as persoas que tiñan unha relación laboral estable na empresa de orixe. No caso da segunda liña as persoas que inicien unha actividade por conta propia e se dean de alta nunha cooperativa en réxime de exclusividade, contan cunha marxe de dous anos entre o inicio e a alta na cooperativa no marco da convocatoria.
A economía social contou no ano 2021 con case 30 millóns de euros de investimento xeral cos que o Goberno galego apoiou 281 entidades da economía social e 458 postos de traballo.
En 2022 a Economía Social seguirá a ser un dos principais eixos de actuación, cun orzamento que se elevará por enriba dos 35 millóns de euros para apoiar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores e incrementar a presenza desta fórmula empresarial no emprendemento galego.