A Comisión Europea aproba a candidatura de Galicia para ser Rexión Amiga da Economía Social en Europa no 2019

Galicia foi seleccionada pola Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes (DG Grow) da Comisión Europea como socia do proxecto das Rexións de Economía Social Europea (ESER 2019).

O proxecto ESER dará a oportunidade á Comunidade galega de reunir ás partes implicadas neste eido a nivel rexional e local, debater ideas sobre os retos sociais existentes e, ao mesmo tempo, coñecer as iniciativas, proxectos e programas de apoio da UE e intercambiar puntos de vista cun experto da propia Comisión Europea.
Do que se trata é de sensibilizar sobre este sector e construír unha economía social en toda Europa baseada no coñecemento. O obxectivo é tecer redes efectivas da economía e innovación social a nivel rexional e local.
Nesta segunda edición participarán xunto a Galicia máis de 50 rexións de 16 países.

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destacou no proxecto que presentou neste plan a Estratexia galega de economía social 2021, que ten o obxectivo de incrementar nun 10% as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20% os empregos, ata os 17.500; e potenciar a presenza feminina nestas entidades. Así mesmo, puxo en valor o traballo da Rede Eusumo, unha iniciativa que creou o Goberno galego en 2012 para impulsar o cooperativismo e a economía social promovendo o seu desenvolvemento no eido local. A día de hoxe, conta con 206 entidades adheridas, entre as que destacan 149 concellos, e a través do asesoramento que presta, creáronse en Galicia 142 entidades de economía social que xeraron preto de 530 empregos directos.

Un dos requisitos para ser socio desta iniciativa é celebrar un evento a nivel local e/ou rexional en colaboración cos outros actores da economía social. Galicia propón facelo no primeiro semestre deste 2019. Os resultados dos eventos rexionais e locais presentaránse en outubro na conferencia da Semana Europea das Rexións e as Cidades de 2019 en Bruxelas. 
 

Luns, 25 February, 2019 - 13:00

Compartir