Nace a rede Tool Lab para a transformación da cultura organizativa no sector da discapacidade

Desde a Rede Eusumo facémonos eco do nacemento da rede “TooL Lab: Think Tank de transformación da Economía social dos máis vulnerables”, liderada pola asociación SAN XEROME EMILIANI, unha das case cen entidades que forman parte da nosa rede. O seu obxectivo é promover un cambio radical nos modelos organizativos e de xestión das entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos a persoas con discapacidade.

TooL Lab é un proxecto colaborativo que involucra a 10 organizacións de catro Comunidades Autónomas distintas: Galicia, Canarias, Illas Baleares e País Vasco. Entre estas organizacións atópanse 7 centros de atención especializada á discapacidade intelectual (SAN XEROME EMILIANI, ADISLAN, AMIPA, APROSCOM, ASPABER, EVD-GALICIA de Mos e Crecente), aos que se suman 2 provedores de servizos de consultoría para entidades da economía social (a cooperativa ALGALIA e a Fundación EDE) e a asociación empresarial galega da discapacidade IN-RED. Ademais, o proxecto conta coa colaboración da Fundación AMADIP-ESMENT de Baleares e foi financiado polo Ministerio de Traballo e Economía Social con fondos NextGenerationEU na última convocatoria do PERTE da Economía Social, polo que conta cun orzamento de 510 000 .

TooL Lab nace para dar resposta á necesidade de definir un novo paradigma organizativo para as entidades do ámbito da discapacidade, que permita combinar a profesionalización do sector co mantemento da súa misión social e o desenvolvemento de relacións laborais baseadas na autonomía e autoxestión dos equipos e o benestar das persoas traballadoras. Con este obxectivo, a Rede TooL Lab proponse como un laboratorio (think tank) de estudo, análise, exploración e experimentación conxunta de cinco metodoloxías e ferramentas innovadoras de management: o paradigma TEAL, a metodoloxía AGILE, a TEORÍA U, a Sociocracia e Holocracia e a Comunicación Non Violenta.

As actividades prevén sesións de exploración e aprendizaxe conxunto entre os membros da Rede sobre cada unha das metodoloxías, sesións de formación presencial con facilitadores e expertos e sesións de aprendizaxe vivencial con entidades precursoras no País Vasco, en Cantabria, en Galicia e nas Illas Baleares.

A primeira das sesións de aprendizaxe vivencial levouse a cabo do 11 ao 13 de setembro en Bilbao e Santander, a través da visita á Fundación EDE e ao Grupo de restauración DeLuz, pionero na implementación do Paradigma TEAL en España. Nestas sesións participaron máis de 35 profesionais dos membros da agrupación. As actividades proseguirán con 3 xornadas de experimentación e difusión, que se celebrarán do 4 ao 6 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e estarán abertas a membros da agrupación do proxecto, así como a outras entidades da economía social que queiran sumarse á Rede TooL Lab.

 

Mércores, 20 September, 2023 - 12:15

Compartir