A GRANDE FESTA DO COOPERATIVISMO GALEGO

Este sábado, 7 de xullo, as cooperativas galegas reuniranse no Porriño, na sede de Maier-Ferroplast S. Coop. Galega, para festexar o Día do cooperativismo galego 2018.
A florecente familia das cooperativas, unida polos seus valores democráticos e igualitarios, ten moito que celebrar; por exemplo, o aumento do número de cooperativas en Galicia durante os últimos anos ou a maior visibilidade dos beneficios sociais e económicos que achegan ao territorio. Con esta celebración queremos dar a coñecer o labor que realizan as cooperativas como empresas democráticas que xeran emprego de calidade, contribúen ao desenvolvemento social e desempeñan un papel de liderado na sociedade e no plano local.
O lema internacional do día do cooperativismo deste 2018 ‘Sociedades sostibles a través da cooperación’ fálanos da aposta deste modelo de economía social por un consumo e produción sostibles de bens e servizos e polo compromiso coa contorna. A través deste lema quérese presentar as cooperativas como empresas responsables que contribúen a acadar unha economía máis social, integradora e democrática.
Como actividades previas ao Día do cooperativismo galego 2018 e coa idea de visibilizar o cooperativismo galego, a Secretaría Xeral de Emprego promoveu unha serie de actos durante o mes de xuño integrados no “mes do cooperativismo galego”. A través da entrega de premios do “Cooperativismo no ensino” achegáronse os principios e valores das cooperativas aos centros de ensino galegos. A campaña “Cooperativismo en movemento” percorreu Galicia difundindo a importancia das cooperativas na nosa comunidade. Co día do “Cooperativismo de portas abertas” ábrense as portas das cooperativas á cidadanía, o que supón unha oportunidade de dar a coñecer como funcionan as cooperativas e de poñer nomes e rostros a proxectos cun papel determinante no tecido socioeconómico das poboacións.
Festexar e compartir os logros das cooperativas galegas achégaas máis á cidadanía e facilita a difusión dos seus esforzos por construír sociedades máis equitativas, inclusivas e sostibles. O Día do Cooperativismo fai de altofalante dun movemento con dous séculos de historia e en continua expansión que está comprometido coa xustiza social e a sustentabilidade ambiental, que mellora o presente para legar ás vindeiras xeracións un futuro mellor. As cooperativas levan no seu ADN o respecto pola terra na que desenvolven a súa actividade e o bo aproveitamento dos recursos que esta ofrece. Trátase, en definitiva, de modelos empresariais exitosos que participan da dinamización económica e social do seu territorio posibilitando a pervivencia e a sustentabilidade deste.
Por tanto co lema ‘Sociedades sostibles a través da cooperación’, o día do cooperativismo internacional achégase aos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para 2030 aprobados pola ONU en 2015. Un destes obxectivos é o de garantir modalidades de consumo e produción sostibles. Facer máis e mellores cousas con menos recursos, reducindo así o impacto no medio ambiente e aumentando a calidade de vida creando, entre outras cousas, empregos xustamente remunerados e de boas condicións laborais. Ninguén coma as cooperativas para harmonizar o desenvolvemento económico, o benestar das persoas e a utilización responsable dos recursos naturais e sociais mellorando e estabilizando as comunidades onde se asentan.
As cooperativas colocan no centro as persoas porque o beneficio económico a calquera custe non é a fórmula axeitada para traballar e (con)vivir. Grazas a elas as sociedades serán un pouco máis sostibles.