Entrevista a Nicolás Álvarez, Director Comercial e de Marketing Dixital en Elitek Solutions S. Coop. Galega

Elitek, Sociedade Cooperativa Galega creouse no 2016 co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia. Está formada por 3 socios traballadores con sede social no rural da provincia de Ourense, concretamente na localidade de Ribadavia. Ten a particularidade de ser unha empresa de novas tecnoloxías creada nunha zona rural, onde os promotores viron que hai oportunidades de futuro nunha área que habitualmente se relaciona coas cidades.
Que vos fixo dar o paso para iniciar este proxecto?
Desde a infancia asistimos sempre ao mesmo colexio, ao instituto e ao Conservatorio de Música, e desde entón, sempre levamos a cabo proxectos xuntos. Pasaron os anos e Jairo, que acababa de titularse en enxeñería informática, Daniel, que estaba estudando deseño gráfico e eu, que estaba no último ano de ADE, non quixemos esperar máis para marcar a nosa propia senda profesional. Non foi unha cuestión de falta de oportunidades laborais, senón de desenvolver un proxecto acorde ás nosas inquietudes. Foi así como, con 24 anos, iniciamos o noso camiño fundando Elitek Solutions.
Que papel ten a vosa cooperativa no desenvolvemento do eido rural?
Moita xente escapa do rural porque nas cidades hai máis oferta laboral, nós en cambio vimos no rural unha oportunidade de creación empresarial clara, xa que na nosa comarca non hai ningunha empresa de marketing dixital nin de desenvolvemento web e fomos conscientes de que moitas empresas da nosa contorna, como por exemplo as adegas, estaban con ganas de sumarse ao mundo dixital. Para nós é unha satisfacción cando unha adega do Ribeiro se achega á nosa oficina a solicitar os nosos servizos, tanto en desenvolvemento web como en deseño gráfico, para a súas etiquetas, xa que nese momento nos damos conta de que verdadeiramente hai tecido empresarial no rural.
Que tipo de servizos realizades?
A variedade de clientes que temos fai que cada un teña unha solución adaptada ao seu negocio e ás súas inquedanzas. Por exemplo, ás adegas dámoslles solucións en canto á creación web, posicionamento e venda online do viño, a parte de servizos de deseño gráfico para as súas etiquetas. A outros clientes, como barberías, introducímoslle e xestionámoslle a web e os sistemas de reserva online das citas previas para que os seus clientes poidan reservar cita dunha maneira sinxela e a través de internet.
Que vos define?
A cada cliente ofrecémoslle unha experiencia próxima e intentamos que comprendan que o noso interese non é simplemente cobrarlle por un servizo senón que lle vaia o mellor posible para beneficiarnos xuntos.
Por que vos os tres?
No noso caso foi porque xurdiu a idea, tiñamos ganas de levar a cabo un proxecto así, coñeciámonos desde sempre e sabiamos que os nosos perfís complementarios eran unha gran vantaxe. Vimos a oportunidade de crear un equipo multidisciplinar no que cada un tería claras as súas funcións dentro da empresa, e así decidimos arrincar a nosa andaina.
Porque pensastes en crear unha cooperativa?
Cando cursamos os nosos estudos na Universidade de Vigo, a nosa visión de futuro levounos a presentarnos aos premios INCUVI, nos que saímos gañadores. Este feito serviunos de impulso para crer na nosa capacidade de crear e innovar na área dixital. O seguinte paso foi buscar asesoría na Confederación de Empresarios de Ourense e alí puxéronos en contacto coa Rede Eusumo, onde o técnico da provincia de Ourense, Daniel Diéguez, explicounos polo miúdo esta fórmula empresarial. Finalmente, o que fixo que nos decantásemos pola fórmula da cooperativa foron os seus principios de funcionamento e que era unha forma de sociedade adaptada á nova visión e sistemas de creación empresarial.
Que destacariades desta experiencia?
Levamos dous anos como cooperativa e a nosa experiencia lévanos a pensar que se volvésemos crear unha empresa fariámolo do mesmo xeito. É por iso que animamos a todas as persoas que teñen na mente emprender, a que indaguen e se informen da posibilidade que ofrece esta fórmula, porque para nós foi un acerto
ELITEK EN DATOS
Ano de constitución: 2016
Sede: Estrada de Francelos, 4, baixo. 32400 Ribadavia (Ourense)
Persoal: 3 socios
Web: eliteksolutions.com