Economía social en feminino: Conclusións do I Foro Medrando Xuntas

O 20 de outubro tivo lugar o I Foro Medrando Xuntas: desafíos, retos e oportunidades das mulleres na economía social, que xuntou a unha trintena de alumnas e ex-alumnas do programa Medrando Xuntas con representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Medrando Xuntas

O programa Medrando Xuntas, iniciado no ano 2017, enmárcanse dentro do plan Emprega en feminino, unha folla de ruta coa que a Xunta de Galicia pretende apoiar aínda máis o acceso ao traballo das mulleres, en especial daquelas que levan máis tempo no desemprego, o desenvolvemento da súa carreira profesional e a incorporación en ocupacións de alta cualificación.

Esta formación conta con contidos específicos cun dobre obxectivo: por unha banda, empoderar as socias e traballadoras e conseguir que participen máis activamente nos procesos de toma de decisión das súas entidades e, por outra, potenciar as súas capacidades directivas como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional e na competitividade das organizacións ás que pertencen.

Foro participativo

Empregando diversas metodoloxías participativas as asistentes puideron afondar nas súas experiencias compartidas como mulleres da economía social, mais tamén contrastaron diversas realidades de entidades participantes dende cofradías de pescadores ata centros especiais de emprego, pasando por cooperativas e sociedades laborais, entre outras.

Durante o foro, as participantes reflexionaron sobre a súa realidade no día a día na xestión de entidades de economía social e os retos do mercado na economía social en Galicia para acabar explorando as oportunidades que teñen por diante. Dentro desas oportunidades, destacaron moi positivamente a organización de foros e encontros deste tipo para explotar as sinerxías entre os diversos sectores e coñecementos.

Conversas co Conselleiro

As participantes neste I Foro tiveron a ocasión de transmitir a súa realidade, facer preguntas, demandas e suxestións a Francisco Conde, Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, nun formato directo e próximo. O Conselleiro salientou a necesidade de adaptarse a un mercado cada vez máis cambiante, e os valores que a economía social achega á sociedade.

Conclusións do I Foro Medrando Xuntas

A pesar da diversidade de entidades asistentes ao Foro, identificáronse retos comúns como o de avanzar na profesionalización das organizacións a través da formación; a creación de redes específicas onde compartir proxectos, crear sinerxías e colaborar e o avance cara a posta en valor da economía social para que se recoñezan ás súas achegas á sociedade.

 

Martes, 23 October, 2018 - 17:00

Compartir