Divulgación do emprendemento e de experiencias cooperativas como modelo de éxito

Case 300 estudantes coñeceron a economía social a través dos obradoiros "Divulgación do emprendemento de experiencias cooperativas como modelo de éxito" organizadas pola Rede Eusumo e promovidas pola Secretaría Xeral de Emprego para impulsar a economía social e o cooperativismo como modelo de negocio de éxito.

A sociedade agraria de transformación Casa Grande de Xanceda é unha das maiores granxas de produción ecolóxica con fábrica de produtos lácteos en Galicia.
Este xoves 28 de marzo recibiu a 41 estudantes de secundaria do Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa. Este é o último dos grupos que este mes visita a entidade como parte dos obradoiros organizados pola Rede Eusumo, para aprender as características do cooperativismo como modelo de negocio con posibilidades de manterse con éxito no medio rural en calquera rama produtiva ou de servizos.
Casa Grande de Xanceda recibiu a un total de 244 persoas este mes: o 20 de marzo visitárona escolares de bacharelato do IES Francisco Asorey (Pontevedra), o 21 de marzo o alumnado de bacharelato do IES Fontexería (Muros), o 22 o alumnado de primaria do CEIP Paradai (Lugo), o día 25 estudantes de bacharelato do IES Pontepedriña (Santiago de Compostela) e o 26 alumnado de secundaria do IES María Auxiliadora (Lugo).

Milhulloa tamén recibiou este xoves 28 de marzo a outro grupo de 39 estudantes de formación profesional da EFA Fonteboa. Visitaron a empresa e durante o percorrido polas instalacións, persoal da entidade explicoulles o proceso de cultivo, de preparación, de secado e de envasado dos seus produtos, así como as distintas fases que pasou a cooperativa no seu camiño cara a constituírse como un negocio rendible.

Un total de 283 estudantes recibiron nestes obradoiros formación impartida por técnicos da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), que destacan como valores positivos das cooperativas a toma democrática de decisións, a distribución equitativa de beneficios ou a diminución de riscos asociados ao emprendemento.

 

Venres, 29 March, 2019 - 10:00

Compartir