O Parlamento de Galicia realiza unha Declaración institucional de apoio á economía social galega

O presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, deu lectura o pasado 10 de decembro a unha declaración institucional na que sinala que a economía social é un "actor fundamental" na sociedade actual, que aporta formas organizativas que introducen un conxunto de principios, valores e obxectivos comúns "a favor dun modelo económico inclusivo".

Desta maneira, o Parlamento de Galicia trasladou o seu apoio é economía social galega, da que destacou que promove un emprego estable e de calidade, que é pioneira na innovación social, que ofrece solucións aos retos económicos e sociais, e que contribúe á cohesión social, a impulsar a inclusión e a ser un modelo de igualdade de oportunidades para todas as persoas.

Nesta declaración faise mención tamén a aprobación da Lei de Economía Social de Galicia no 2016, así como a definición da política pública de promoción recollida na Estratexia galega de Economía Social e na constitución do Consello Galego de Economía Social, ambos no 2019, co fin de "dispoñer dun marco de actuacións e un contexto que fomente a interlocución e o diálogo de todos os axentes implicados".

Ademais, recorda que, con base en todo isto e seguindo a estela de institucións europeas e españolas, o Consello da Economía Social de Galicia pediu o recoñecemento e apoio do Consello Económico e Social galego, cuxo pleno aprobou o pasado 8 de novembro un manifesto a través do que se insta a compartir este recoñecemento por parte das institucións públicas para reforzar a visibilidade das empresas desta rama. Todo elo a través de políticas públicas e calquera outra iniciativa adecuada a tal fin, en cooperación cos axentes da economía social, buscando a transversalidade, para mellorar a coherencia das políticas e obter unha maior eficacia.

Tamén avoga por mellorar o nivel de coñecemento sobre as empresas e entidades de economía social, promovendo a cooperación entre o mundo académico, os centros de investigación, os institutos de estatística e as entidades e empresas da economía social.

Ademais, recomenda apoiar a implementación dunha normativa e os procedementos que fomentan obxectivos de política social, como pode ser a contratación pública socialmente responsable, así como a presencia da economía social en todos os sectores do ámbito da educación.

Por último, pide non esquecer a proposta de reforzar as redes de actores públicos, privados e sociais para fomentar o crecemento económico e as políticas de inclusión social no territorio.

Preme aquí para visualizar a Declaración institucional de apoio á economía social galega.

 

Luns, 27 December, 2021 - 09:45

Compartir