Buscas un achegamento académico á economía social? Estas son algunhas das entidades e universidades que investigan neste ámbito

A economía social é un modelo en auxe que permite a continuidade no tempo de postos de traballo de calidade. Debido a esta razón e ao feito de que é un modelo de xestión e organización empresarial que antepón o benestar das persoas ante o lucro económico, cada vez son máis as entidades e universidades que investigan as súas características e implicacións co obxectivo de dalo a coñecer entre os seus estudantes e a sociedade no seu conxunto.
Co ánimo de facilitarlle ás persoas interesadas unha primeira referencia, sempre ampliable e modificable, deste ecosistema de entidades investigadoras e académicas no ámbito da economía social e o cooperativismo en España, desde a Rede Eusumo de Galicia achegamos esta primeira selección, que esperamos que se vaia nutrindo de máis membros.
- Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP): É un centro de carácter mixto, constituído pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, e do que forman parte tamén investigadores doutras universidades. Entre os seus obxectivos, destaca o impulso do coñecemento, investigación e difusión da economía social.
Sitio web: https://www.cecoop.eu/
- Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC-España): É unha organización científica internacional non gobernamental, cuxos obxectivos son promover a procura de información, a investigación científica e a difusión de traballos sobre os sectores e actividades que teñen por principal finalidade a de servir ao interese xeral. Creouse como asociación en 1986 e é membro de pleno dereito de CIRIEC-Internacional.
Sitio web: http://ciriec.es
- Observatorio Español da Economía Social: É un proxecto promovido pola asociación científica independente CIRIEC-España e, desde a súa creación en 2005, consolidouse como un instrumento fundamental para o estudo e a difusión da economía social en España. É o máis intimamente ligado á investigación universitaria relacionada con este sector e mantén unha actividade continua de información a través dos seus boletíns e novidades xurídicas.
Sitio web: http://www.observatorioeconomiasocial.es
- Observatorio Iberoamericano do Emprego e a Economía Social e Cooperativa (OIBESCOOP): É unha asociación destinada a reavivar a colaboración internacional na investigación e o estudo da economía social e solidaria no ámbito dos países de Iberoamérica. De feito, o OIBESCOOP nútrese das informacións e análises enviados por unha rede de especialistas de 22 países. A súa sede está na Universidade de Zaragoza, que é unha das entidades colaboradoras da asociación, xunto con outras referentes como o CIRIEC-España.
Sitio web: http://www.oibescoop.org
- Instituto Universitario de Investigación en Economía Social, Cooperativismo e Emprendemento (IUDESCOOP): É un centro de investigación, información e especialización teórica e práctica no campo da economía social e cooperativa, impulsado pola Universidade de Valencia. Entre as súas tarefas, dirixe e impulsa o Centro de Información e Documentación Europea de Economía Pública, Social e Cooperativa (CIDEC) e a súa revista Noticias del CIDEC.
Sitio web: https://i.gal/iudescoop
- Observatorio Valenciano Observales: Nace no seo do IUDESCOOP da Universidade de Valencia, en estreita colaboración co CIRIEC-España
,e a Rede ENUIES, e concíbese desde unha perspectiva interdisciplinar e con obxectivos múltiples: captación de datos dispersos, a súa sistematización e difusión, avaliación das políticas públicas e impacto da economía social na solución de problemas económicos e de significación social.
Sitio web: http://www.observales.org
- Rede Española de Persoas Mozas Investigadoras en Economía Social (REJIES): Trátase dun espazo de encontro das mozas e mozos investigadores que están inmersos no proceso de elaboración da súa tese ou que a presentaron recentemente e están a empezar a despegar na súa carreira como investigadores no campo da economía social.
Sitio web: http://rejies.net
- Rede Interuniversitaria de Centros e Institutos de Investigación en Economía Social (Rede ENUIES): Constituíuse en 2003 co fin de coñecer mellor o labor que realizan os centros e institutos universitarios de investigación en economía social e para permitir desenvolver máis a cooperación científica entre eles.
Sitio web: http://www.redenuies.org
- Centro de Investigación en Xestión de Empresas (CEGEA-UPV): É un centro adscrito á Universidade Politécnica de Valencia. A súa misión é a investigación do conxunto de disciplinas que integran a xestión de empresas e, en especial, as de economía social, e a súa transferencia ao tecido produtivo, axudando a resolver problemas de índole xurídico, comercial, contable e financeiro.
Sitio web: http://www.cegea.upv.es
- Instituto de Dereito Cooperativo e Economía Social (GEZKI): É un Instituto Universitario da Universidade do País Vasco (UPV/EHU), integrado por investigadores de diversas disciplinas. Os eixes da súa actividade resúmense en catro ámbitos: investigación, formación, difusión e intercooperación. Entre as súas liñas de investigación, GEZKI dirixe o proxecto do Observatorio Vasco da Economía Social (OVES/ GEEB).
Sitio web: http://www.gezki.eus/es
- Instituto de Estudos Cooperativos da Universidade de Deusto: Creado con apoio tanto público como privado, ofrece programas de estudo que permiten formar estudantes universitarios e abordar a investigación no referente ás cooperativas e o cooperativismo. Para completar estas actividades dotouse dunha Biblioteca especializada en cooperativismo e tamén publica a revista semestral (en papel e en liña) Deusto Estudios Cooperativos.
Sitio web: https://i.gal/deusto-cooperativos
- Grupo de Estudos Sociais e Económicos do Terceiro Sector da Universidade de Zaragoza (GESES): Está formado por un grupo interdisciplinar de profesores da Universidade de Zaragoza, que en 2018 recibiu a calificación de Grupo de Referencia polo Goberno de Aragón. O seus membros participan en diferentes redes locais, nacionais e internacionais de investigación como Oibescoop e CIRIEC-International.
Sitio web: http://nuevogeses.unizar.es
- Cátedra de Economía Social da Universidade de Murcia: É un espazo -no seu sentido máis amplo- dedicado á investigación, formación e divulgación no campo da economía social, no que participan tanto os alumnos universitarios como os profesionais, co apoio de actores do sector e dos entes da administración rexional competentes nesta materia.
Sitio web: https://www.um.es/economiasocial
- Instituto de Estudos Cooperativos de Mondragon Unibertsitatea (LANKI): Ten como misión investigar, formar e incidir na realidade cooperativa, enfocando a súa actividade prioritariamente no desenvolvemento da vertente socioeducativa do cooperativismo e a economía social. Realiza o seu labor investigador desde o interior da experiencia cooperativa de Mondragón, e traballa en estreita colaboración con axentes cooperativos e sociais.
Sitio web: https://i.gal/lanki
- Cátedra Fundación Lares da Universidade Católica de Ávila: Concíbese como espazo orientado ao estudo, investigación, formación e divulgación nos ámbitos da economía social, o cooperativismo e a dependencia no que os alumnos universitarios e os profesionais destes sectores sexan os principais axentes.
Sitio web: https://www.ucavila.es/catedra-fundacion-lares/
- Cátedra Extraordinaria 'José Barea' de Facenda Pública e Economía Social da Universidade San Pablo-CEU: Os seus obxectivos son principalmente desenvolver un labor de formación e investigación nas áreas da economía pública, a economía social e o emprendemento, tanto por académicos e profesionais do sector, como por novos estudantes interesados en realizar traballos de investigación que fomenten o coñecemento e desenvolvemento nestes ámbitos.
Sitio web: https://i.gal/jose-barea-ceu
- Estudos Cooperativos e Xestión de Entidades Non Lucrativas: Este grupo de investigación da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Córdoba céntrase no estudo das múltiples facetas do cooperativismo e a economía social, con especial referencia ao ámbito andaluz.
Sitio web: https://i.gal/etea
Se a túa entidade non aparece nesta listaxe e queres incluíla, podes enviar os teus datos ao correo electrónico eusumo.emprego@xunta.gal