BILBAO ACOLLEU A CUARTA EDICIÓN DO FORO GLOBAL DA ECONOMÍA SOCIAL

Durante tres días, do 1 ao 3 de outubro, os hashtags #GSEF2018 e #EconomíaSocial saturaron as redes sociais. Twitter, Facebook e Instagram recolleron centos de imaxes e comentarios feitos desde Bilbao polos asistentes á 4ª edición do Foro Global da Economía Social - GSEF2018. A fundación GSEF, unha organización de carácter permanente e internacional conformada por actores da Administración e da sociedade civil a nivel local implicados na economía social, foi a responsable deste evento cuxo tema para este 2018 foi “Economía Social e Cidades: valores e competitividade dun desenvolvemento social e sustentable”.

Por primeira vez España acolle un evento destas características e ten moito sentido a súa celebración en Bilbao, xa que en Euskadi o movemento cooperativo, con Mondragón á cabeza, é un referente a nivel mundial. Nesta reunión, máis de mil cincocentas persoas expertas en economía social de máis de 80 países debateron e compartiron experiencias e proxectos que promoven a economía social como factor clave para o desenvolvemento económico a nivel local.

A comitiva galega estaba encabezada polos presidentes de AGACA, José Montes Pérez, e de Espazocoop e portavoz do Foro Galego da Economía Social, Celso Gándara, e contaba coa participación de persoas do ámbito académico e dos centros especiais de emprego.

Desde unha tripla perspectiva, a social, a empresarial e a institucional, buscáronse e artelláronse modos para fomentar e difundir un modelo de economía baseado nas persoas, un sistema que non só é mais sostible, senón que tamén é máis xusto e inclusivo. A colaboración e a cooperación foron os valores sobre os que se asentaron unhas xornadas que mostraron a forza e capacidades da economía social para afrontar os desafíos actuais sen perder de vista os principios nos que se asenta.

A economía social poder ser, e en moitos casos xa é, parte do eixo vertebrador do desenvolvemento socioeconómico de urbes tan dispares como Seúl, Madrid ou Montreal. Grazas a ela as cidades poden facer fronte a problemas como o desemprego -as empresas da economía social responden mellor ás

crises mostrando un baixo índice de destrución de emprego-; poden ofertar postos de traballo de maior calidade e contribúen a diminuír o paro feminino, (as cifras demostran que moitos dos proxectos empresariais dentro da economía social están promovidos e conformados por mulleres).

A lectura da Declaración de Bilbao, na que se reclamou unha resolución das Nacións Unidas sobre a economía social, puxo punto e final a esta edición do foro. A declaración afirma que as empresas e organizacións da economía social e da economía solidaria “son viables, eficientes, crean valor social e beneficios económicos” e evidencia que no contexto de cambio e transformación que atravesamos deberá aumentar “a participación de todas as partes implicadas” co fin de acadar políticas innovadoras que garantan “empregos decentes, protección social e prosperidade”.

Aínda que a economía social empeza a ser recoñecida é preciso darlle máis visibilidade. Eventos como o de Bilbao son unha mostra da súa fortaleza e do seu imparable crecemento nun momento no que se está a producir un cambio de paradigma económico que afectará ás futuras xeracións. A economía social pode, e debe ser, a resposta para un futuro cheo de posibilidades.

 

Venres, 5 October, 2018 - 11:00

Compartir