NUMAX S.Coop.Galega

O 18 de marzo de 2015 púñase en marcha NUMAX, un proxecto iniciado hai máis de ano e medio que volve situar o cinema no centro de Santiago de Compostela. NUMAX, unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, está integrada por cinco persoas socias traballadoras e unha socia colaboradora, todas elas procedentes de diversos ámbitos de creación e difusión cultural que decidiron xuntarse para levar a cabo este novo proxecto.

NUMAX: cinema, libraría e laboratorio

NUMAX non é só un cinema, é ademais unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. Aínda que o equipo NUMAX traballa de forma conxunta para que o proxecto cooperativo sexa un referente cultural en Santiago de Compostela, cada membro coordina  cada unha das súas "patas":

  • Así pois, Ramiro Ledo é o responsable de NUMAX distribución e de que a sala de Cinema NUMAX de 70 butacas estea disposta para acoller a todas as persoas que queiran gozar do mellor cinema de martes a domingo en calquera das cinco sesións diarias, unha de mañá e catro de tarde, postas á súa disposición.
  • Doutra banda atópase a Libraría NUMAX, cuxa responsable é Irma Amado. Esta libraría conta cun catálogo con títulos da mellor selección do panorama editorial combinada cun fondo de literatura, arte e pensamento.
  • A última “pata” do proxecto é o Laboratorio NUMAX, onde Antonio Doñate, Xosé Carlos Hidalgo e Pablo Cayuela son os encargados do funcionamento do estudo de deseño gráfico e da produción e a posprodución de vídeo.

Cómpre destacar que NUMAX conta co apoio de 182 avalistas, os cales permitiron que unha cooperativa de servizos financeiros lles concedese un préstamo para que o proxecto fose unha realidade na rúa Concepción Arenal 9 en Santiago de Compostela.

Actualmente 530 persoas están abonadas a NUMAX nas tres modalidades que as persoas usuarias teñen á súa disposición (abono básico, colaborador e protector) e que lles permite gozar de descontos no cinema e na libraría e ao tempo axudar a manter o proxecto en pé.

NUMAX, S. Coop. Galega
Concepción Arenal, 9, baixo
15702 Santiago de Compostela
+34 981 560 250
info@numax.org
https://numax.org/

Compartir