LOADING

O Consello Galego de Cooperativas

O Consello Galego de Cooperativas é o máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma de Galicia.
É un órgano colexiado no que participan as diferentes administracións, institucións e organizacións cooperativistas interesadas no fomento global do cooperativismo, e está adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

CALES SON AS SÚAS FUNCIÓNS?
Entre outras:

  • Facilitar e colaborar na investigación, planificación e execución dos programas de desenvolvemento e fomento do cooperativismo, prestando un especial interese polos programas da Unión Europea, así como promover a educación e formación cooperativa.
  • Elaborar propostas, ditames e informes en relación coas cuestións que afecten ao cooperativismo.
  • Realizar estudos e impulsar as accións encamiñadas a facilitar a intercooperación. 
  • Emitir informes, con carácter preceptivo, sobre os proxectos de disposicións legais e regulamentarias e demais normas que afecten directamente ás cooperativas ou as súas organizacións, así como procurar a súa difusión.
  • Contribuír ao perfeccionamento do réxime legal e institucional do ordenamento socioeconómico da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Conciliar e exercer a arbitraxe nas cuestión litixiosas que se susciten entre cooperativas, entre estas e os seus socios, ou no seo delas entre os seus socios, cando ambas partes o soliciten ou ben estean obrigadas a iso en razón ó establecido nos seus estatutos.
  • Promover a educación e formación cooperativa nos distintos niveis do sistema educativo xeral.
  • Exercer todas as accións que resulten necesarias para percibir os fondos irrepartibles, así como o remanente do haber líquido social das cooperativas.
  • Percibir, planificar e xestionar mediante un programa específico os fondos de formación e promoción nos supostos previstos na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.

CAL É A SÚA COMPOSICIÓN?
Está integrado por:

1. A presidencia, que será ocupada pola persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
2. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.
3. Unha persoa representante por cada unha das seguintes consellerías:

  • Consellería de Medio Rural
  • Consellería do Mar
  • Consellería de Política Social
  • Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

4. Unha persoa representante dos concellos de Galicia.
5. Unha persoa representante das universidades galegas.Sete persoas representantes das cooperativas galegas.
6. Unha persoa representante das cooperativas de crédito galegas.

ONDE SE REGULA?
Na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e no Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas.
 

CONTACTA COA REDE EUSUMO

Edif. Admin. San Lázaro, baixo 15781
Santiago de Compostela