Galicia a través de 14 proxectos concentra 7,2 millóns de euros das subvencións Next Generation para innovación en pesca, a acuicultura e transformación

O liderado de Galicia na  pesca, a acuicultura e o sector conserveiro volve quedar patente co reparto dos fondos Next Generation para investigación e innovación. Son galegas cinco das oito beneficiarias do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, convocado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Capitaneando 14 dos 16 proxectos aprobados, AnfacoArviOrpaguOpromar e Cetga logran o 86 % dos fondos nacionais. Suman 7,42 millóns de euros as iniciativas impulsadas desde Galicia, onde a UE inxectará directamente 5,48 millóns durante este ano e o próximo.

Organizacións e institucións de distintos puntos de España cooperan coas galegas, que a súa vez o fan entre si, aproveitando sinerxías e compartindo coñecementos. Por contía, suman 3,3 millóns os cinco proxectos que encabeza Anfaco-Cecopesca, a Asociación Nacional de Fabricantes de Pescados e Mariscos, con sede en Vigo. Arvi, a Cooperativa Viguesa de Armadores, lidera outros cinco, valorados en 2,27 millóns, e os dous do Clúster de Acuicultura de Galicia (Cetga) ascenden a 2,63 millóns. Orpagu, a Organización de Palangreros Guardeses, promove un de 523.000 euros e Opromar, a Organización de Produtores de Pesca Fresca de Marín, outro de 320.000.

A Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi) lidera os seguintes cinco proxectos:
 

NextEMPLEAmar, onde a Cooperativa de Armadores de Vigo impulsa a aplicación de tecnoloxías intelixentes para fomentar o emprego na pesca con 295.964 euros, dos cales 182.720 son para Arvi e 113.244 para o Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (Gradiant).

Xestión intelixente do frío nos pesqueiros, consiste en mellorar a eficiencia enerxética na flota. Ten unha subvención de 558.303 euros que comparten Arvi (249.413), EnergyLab (188.600) e Gradiant (120.289).

«Blockchain» para o pescado é o proxecto que con 695.575 de euros financia a plataforma blockchain para «mellorar a trazabilidade» da cadea de valor dos produtos do mar. Neste caso, Arvi recibe 372.527 euros, o Cetmar (Centro Tecnolóxico do Mar) 177.236 e o Instituto de Investigacións Mariñas, 145.811.

Aproveitar subprodutos da pesca, neste caso, Arvi lidera o proxecto, cifrado en 394.799 euros, para sacar partido ao que non se aproveita do peixe; recibe 253.890 e o seu socio Anfaco, 140.909.

Por último, Exterminar vísceras a bordo recibe 370.530 euros de subvención para «un sistema sostible» para eliminar vísceras do peixe e combater o anisakis, onde Arvi logra 154.722 euros e EnergyLab, 215.808.

Para coñecer máis información sobre o resto de proxectos, preme nesta ligazón.

 

Luns, 10 January, 2022 - 09:30

Compartir