Entrevista con José Manuel López Marcos, director comercial de Caixa Rural Galega

Caixa Rural Galega naceu en 1966 como unha cooperativa orientada a facilitar crédito a proxectos agrarios e gandeiros. Medio século despois mantén a súa  identidade pero estendeu o negocio ao resto da comunidade. Desde os anos 90 forma parte xunto con outras entidades do resto do país ao Grupo Caja Rural, que responde a un modelo de banca confederada cunha base cooperativa. Algo que se nota na súa relación cos socios e clientes.

 

“O sector agrario forma parte do noso ADN pero ese traslado de poboación e actividade do campo á cidade e do sector agrario ao sector servizos e á industria non nos pode ser alleo.”
 
"En Caixa Rural Galega trataremos de continuar mantendo as oficinas e seguir incrementando presenza co ritmo que os recursos permitan.”
 
“En tempos de escasas iniciativas empresariais a fórmula cooperativa é un instrumento valioso para canalizar actividade e aproveitar oportunidades de mercado sen a dependencia do capital empresarial.”

 

Caixa Rural Galega naceu en 1966. Levan, por tanto, xa máis de 50 anos de compromiso con Galicia. Como cambiou a súa función social neste tempo?

A primeira e máxima función social é a de prestar servizos financeiros. Nos comezos isto limitábase ao ámbito rural, que ademais estaba conformado por pequenas explotacións practicamente de subsistencia. Neste contexto nace a Caixa Rural Provincial de Lugo, hoxe Caixa Rural Galega, co ánimo de servir como instrumento que colaborase na modernización do agro da provincia. Hoxe as circunstancias son moi diferentes. As explotacións reducíronse en número pero son de moito maior tamaño. A subsistencia deu paso áprofesionalización de xeito que se deben ver como as verdadeiras empresas que son. Polo camiño desenvolveuse un tecido cooperativo no sector agrario, pero tamén a poboación se desprazou do campo á cidade así como o maior peso do produto interior bruto de Galicia pasou do sector primario ao sector servizos. Mantemos pois como principal función social a de prestar servizos financeiros pero nun entorno moi diferente e mirando cara a todos os sectores da economía galega e non só ao agro.

 

E logo deste tempo conservan no seu nome os apelidos Rural e Galega.

Esta casa distinguiuse sempre pola estabilidade e a prudencia nas súas actuacións. Isto permitiu superar unha fase do ciclo económico que foi especialmente dura co sector financeiro. Ademais, permitiu facelo sen pedir axudas públicas nin perder a súa estrutura xurídica nin a súa identidade. Non foron tempos sinxelos para ninguén, así que superar esta etapa realmente pode considerarse un éxito froito dunha xestión prudente e da visión que nos anos 80 tiveron as caixas rurais do país para asociarse e crear estruturas comúns, que hoxe nos permiten ofrecer servizos nun sector tan competitivo, cambiante e complexo como este.

 

Dise que son unha banca de proximidade e ética. Como se consigue combinar a rendibilidade económica propia do seu negocio co modelo cooperativo?

O cooperativismo non está rifado coa necesaria rendibilidade económica para poder seguir operando e para poder medrar. A banca de proximidade que nos define esixe pensar cun enfoque compartido entre a entidade e os seus socios e clientes, o que acaba percibíndose como un valor engadido.

 

Iso é o que os diferencia da chamada “banca tradicional”?

A Caixa Rural Galega é propiedade de máis de 16.000 socios, de xeito que o capital está moi diseminado e é moi estable.  Ademais a maior parte do beneficio reverte na propia entidade. Isto fai que non exista unha presión para a obtención do máximo beneficio para remunerar o capital, o cal nos permite pensar, como antes dicía, en aliñar os intereses da Caixa cos dos seus socios e clientes.

 

Naceu como unha Caixa agraria, o que lle imprime carácter, pero a que público se dirixen actualmente?

Na actualidade dirixímonos a calquera persoa e calquera sector. Evidentemente, o sector agrario forma parte do noso ADN, pero ese traslado de poboación e actividade do campo á cidade e do sector agrario ao sector servizos e á industria non nos pode ser alleo. As vantaxes poderían resumirse en que a nosa relación co cliente e co socio baséase na confianza, na estabilidade a longo prazo e na procura dun interese común.

 

De que forma apoian os emprendedores, as persoas que montan unha cooperativa ou teñen un proxecto empresarial vinculado coa economía social?

Cando existe un proxecto empresarial habitualmente hai ideas, ilusións e traballo, pero en moitos casos faltan recursos para levalo adiante. O noso papel está en que os proxectos con viabilidade poidan dispoñer deses recursos e ademais poidan facelo con estabilidade. Durante os últimos anos tivemos anos de seca crediticia. A nosa situación permitiunos seguir prestando financiamento incluso nesa etapa. Esa estabilidade e confianza mutua ten moito máis valor que os custos ou as marxes, porque quedarse sen financiamento pode supor o estrangulamento dunha actividade.

 

Como afronta o futuro Caixa Rural?

Vivimos tempos difíciles, con marxes moi reducidas pola actual situación dos tipos de interese en mínimos históricos e cunha elevada presión regulatoria. Pero afrontamos o futuro con optimismo e coa certeza de poder seguindo ser un actor no mundo financeiro galego, aínda que sexamos un actor de tamaño reducido. Formamos parte dun grupo bancario que está entre os 6 ou 7 primeiros do país, compartindo medios comúns. Isto permite manter a estrutura propia de cada caixa rural co seu propio carácter e coa vinculación plena co seu territorio. Trataremos de continuar mantendo as oficinas e seguir incrementando presenza co ritmo que os recursos permitan.

 

Daquela, temos Caixa Rural para moito tempo?

Traballamos todos os días para iso e con convencemento de que así será.

 

Como valora que cada vez haxa máis cooperativas que asinen o Código de boas prácticas das cooperativas galegas?

É unha iniciativa positiva que vén recalcar que a autorregulación pode ter un importante peso para ocorrecto funcionamento de calquera institución, sexa ou non cooperativa. Por outro lado, tamén axuda a dar visibilidade á economía social, queé un instrumento valioso para canalizar actividade, aproveitar oportunidades de mercado sen a dependencia do capital empresarial. Tamén é un instrumento valioso para evitar o despoboamento de zonas rurais ou municipios que non son grandes áreas metropolitanas. Neste labor de dar visibilidade ten un gran protagonismo a Rede Eusumo.

 

En datos

Ano de constitución: 1966 como cooperativa

Sede: C/ Montero Ríos 24-26 Lugo

Volume de negocio: Total balance 1.000 millóns €, 900 millóns en depósitos e 475 millóns en inversión crediticia.

Nº de socios: 16.645 a 07/05/2018. Esta cifra medra de xeito diario.

Cadro de persoal: 152 (72 homes e 80 mulleres).

Nº clientes: 67.000

Nº de oficinas: 46

Zona xeográfica: Galicia. 33 oficinas en Lugo, 6 en Ourense, 4 en Pontevedra e 3 na Coruña. Preto de abrir en Pontevedra capital.

 

Venres, 18 Maio, 2018 - 09:45

Compartir