Apróbase a Estratexia de Economía Social

O Consello de Ministros vén de aprobar a primeira Estratexia Nacional de Economía Social 2017-2020, que xira ao redor de 11 eixos e que pretende promover a economía social para que o sector lidere a innovación fronte aos cambios emerxentes. 

A súa redacción estivo coordinada polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social incorporando propostas de todos os ministerios, comunidades autónomas, entidades locais, organizacións empresariais e sindicais, así como as de entidades representativas do sector. 

Unha vez finalizado o período de vixencia do Programa de Fomento e Impulso da Economía Social 2015-2017, apróbase esta Estratexia para tratar con maior profundidade os cambios emerxentes, o reto da globalización, a era dixital, o envellecemento poboacional e a inclusión social. 

Coa Estratexia, dáse un novo impulso a un sector que representa un 12,5% do emprego e un 10% do PIB, e que é pioneiro na recuperación e o crecemento económico sustentable en España, baseándose nos principios de igualdade, solidariedade, compromiso co desenvolvemento local e respecto ao medioambiente.

En concreto, a Estratexia 2017-2020 contén accións dirixidas á creación de emprego e de apoio no eido da economía social, como a realización da análise sobre o sector; a xeración de incentivos tanto ao emprego estable como ao emprendemento neste modelo empresarial; e unha maior presenza en sectores de actividade e de prestación de servizos vinculados aos alicerces do Estado do Benestar, como o do ámbito da dependencia. 

Igualmente, seguirase potenciando o labor dos Centros Especiais de Emprego, das Empresas de Inserción e das Cooperativas de Iniciativa Social, para facilitar as posibilidades de inserción laboral daqueles colectivos que presentan maiores dificultades de empregabilidade. A partida destinada ao Programa de Oportunidades de Emprego para Persoas con Especiais Dificultades é a que máis aumentou en materia de políticas activas desde 2012, cun incremento do 82,17%. 

Segundo Emprego, un dos elementos máis novos desta Estratexia é a habilitación do Rexistro Telemático de Cooperativas de Ámbito Estatal, co fin de eliminar trabas administrativas e axilizar a relación entre os cidadáns e o Rexistro de Cooperativas. Así mesmo, o documento avanza en medidas que poidan facilitar a substitución xeracional apoiando a transformación de empresas mercantís ordinarias en entidades da economía social. 

Así mesmo, a Estratexia Nacional de Economía Social 2017-2020 dá resposta a unha demanda histórica do sector e dá un primeiro paso para crear o primeiro catálogo nacional das entidades da economía social, que se elaborará en coordinación coas comunidades autónomas. 

Ademais, o Goberno aprobará unha Orde Ministerial para crear un 'Selo de Entidade' da Economía Social, que distinguirá a todas as empresas que conforman o sector, e así dotalas dunha maior visibilidade para que sexan recoñecidas pola sociedade no seu conxunto. 

Outra das novidades neste sentido é a creación dun certificado de profesionalidade específico para a posta en marcha e xestión de entidades da economía social dentro do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Igualmente, institucionalizarase o Día Europeo das empresas da Economía Social. 

A Estratexia tamén promove mecanismos comúns de coordinación en favor da economía social e da súa internacionalización entre os estados membros, así como con países non pertencentes á UE, especialmente con Iberoamérica e do Mediterráneo. Para iso, prevese a posta en marcha de iniciativas de impulso, asistencia e asesoramento para que as entidades da economía social vexan a saída ao exterior como unha oportunidade de negocio e de expansión.

Fonte: Europa Press

 

Martes, 2 January, 2018 - 03:45

Compartir