A Xunta loa o labor do CEIP Plurilingüe de Domaio no fomento da economía social ao recibir catro primeiros premios do certame ‘Cooperativismo no ensino’

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe  o CEIP Plurilingüe de Domaio (Moaña), premiado no certame da Xunta Cooperativismo no ensino. É un certame co que, tal e como destacou Mariño, o Goberno galego busca difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia. 

O colexio de Domaio foi galardoado nesta edición con catro primeiros premios en diferentes categorías: o premio ao mellor traballo para alumnado de 2º ciclo de educación infantil por I volta arredor do sol cooperando; o primeiro premio de 1º e 2º de educación primaria por Cooperar para preservar; o primeiro premio para 3º e 4º de educación primaria por A que soa o cooperativismo?; e o primeiro premio para 5º e 6º de educación primaria por A cooperación: unha viaxe de ida e volta.

O certame, con tres modalidades (actividades artísticas, actividades cooperativizadas e proxectos empresariais) está dotado con premios de entre 1.500 a 4.500 euros segundo a modalidade. Os alumnos e alumnas, no desenvolvemento das actividades que presentan ao certame, deben potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada. 

No acto de entrega de premios a compañía galega de teatro familiar Teatro Ghazafelhos presentou Contos de lobo, un espectáculo no que os alumnos do centro participaron na dramatización e, no proceso, aprender a cooperar para crear de maneira conxunta unha peza teatral na que os lobos e a axuda mutua foron os protagonistas das historias.

 

Outros centros premiados

O CEIP de Domaio comparte os premios deste ano con outros seis centros educativos: o CEIP Pintor Antonio Fernández (Tomiño), o CEIP de San Miguel de Reinante (Barreiros), o IES Castro da Uz (As Pontes), a Sociedade Cooperativa Galega Mendiño (Vigo), o IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña) e o IES Valadares (Vigo). 

Durante este mes de xuño entregaranse os galardóns como actividade previa á celebración do Día do Cooperativismo Galego que se celebrará o vindeiro 6 de xullo.

 

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Venres, 7 June, 2024 - 11:45

Compartir