A Xunta lanza o primeiro portal estatístico de Galicia centrado na economía social co obxectivo de seguir impulsando a visibilidade e o crecemento deste sector
O Consello da Xunta analizou o convenio asinado entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Universidade de Santiago de Compostela para a creación, a través do Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop), do primeiro portal estatístico de Galicia que proporcionará información continua e actualizada sobre os produtores de mercado da economía social na comunidade autónoma.
Esta ferramenta, denominada Galestat e que estará dispoñible este mesmo ano, tamén permitirá avaliar as contribucións da economía social á consecución dos grandes obxectivos sociais e económicos pois con ela poderanse elaborar análises comparativas intertemporais, interrexionais e internacionais sobre as empresas e entidades da economía social. Dela poderán beneficiarse as administracións públicas, as empresas, as entidades de economía social, o persoal investigador e o resto da sociedade, para o que se lanzará unha páxina web con todas as estatísticas recompiladas.
Deste xeito, o Goberno galego busca dar un pulo á visibilización da economía social, que representa máis do 7 % do PIB galego, como motor de crecemento económico sustentable, que resistiu nas últimas crises e na pandemia, que crea emprego de calidade e que contribúe a fixar poboación no territorio. Neste sector encádrase o cooperativismo, que destaca por facturar o ano pasado en Galicia case 3.000 millóns de euros, representando un 4,5% do PIB galego. Ademais, 21 cooperativas galegas están entre as 600 máis relevantes do Estado.
A creación de Galestat
Para a posta en marcha, desenvolvemento e metodoloxía de Galestat mantense unha colaboración permanente con outros portais estatísticos como o Ciriec-España, Ciriecstat e o valenciano Valestat. Neste sentido, a colaboración entre a Xunta e a USC para lanzar este portal inclúe a elaboración de táboas iniciais, unha delas con datos como o número de entidades relacionadas coa economía social, tipoloxías e cifra de traballadoras e traballadores, entre outros.
Tamén se deseñarán táboas con información relacionada coa localización das entidades, entre elas cooperativas e sociedades laborais, desagregando a información por ámbito xeográfico. Ademais, crearase unha epígrafe con datos destas entidades por períodos temporais.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina a esta acción 10.000 euros e forma parte da comisión de seguimento mixta creada ao abeiro da colaboración coa USC, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2024.
Trátase dunha actuación que concorda coa Estratexia galega de economía social– Horizonte 2027, desenvolvida pola Administración galega para unha maior visibilización do sector con accións de innovación, entre outros fins. Este ámbito é un dos principais eixos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun orzamento neste ano de máis de 43,6 millóns de euros, un 3 % máis que no exercicio anterior.
Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración