A Xunta abre a convocatoria de axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios

A Consellería de Medio Rural publica as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para a anualidade 2024.
Quen pode solicitar estas axudas?
Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou a comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, entre as que se atopan as cooperativas agrarias galegas.
Que requisitos deben cumprir os investimentos?
Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e instalacións deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:
- En materia de ambiente:
- No caso de proxectos de investimento relativos a instalacións xa existentes, o solicitante deberá acreditar para a concesión da axuda que realizou a comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e que presentou toda a documentación requirida, ou ben, no caso de instalacións anteriores á entrada en vigor da devandita lei, que dispón de licenza de actividade.
- No caso de proxectos de investimento que precisen unha avaliación do impacto ambiental conforme o establecido na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, o solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade e sentido favorable para o pagamento final da axuda.
- En materia de sanidade e benestar animal:
- No caso de investimentos relativos a instalacións xa existentes, deberá acreditarse coa solicitude de axuda que as referidas instalacións dispoñen de rexistro sanitario e que cumpren, de ser de aplicación, a normativa de benestar animal e a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
- Para o pagamento das axudas, o beneficiario deberá acreditar tras a execución dos investimentos que dispón de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser de aplicación, que cumpre a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
- Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento a data en que se produza, en primeiro lugar, ben o inicio das obras de construción relativas aos investimentos, ou ben o primeiro compromiso xuridicamente vinculante para realizar un pedido de equipamentos ou servizos ou calquera outro compromiso que faga irreversible o proxecto.
- Para as axudas en forma de subvencións, os investimentos subvencionables deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria a que concorre a solicitude, e será establecida en cada convocatoria anual.
- Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda.
Ata cando se pode presentar as solicitudes?
O prazo de presentación de soliciudes para as subvencións desta convocatoria remata o 5 de febreiro do 2024.
O prazo de presentación da solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 29 de marzo de 2024.
No caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras.
Estas solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
Antes de facer a solicitude, consulta a orde completa.