Entrevista a Raquel Doallo e Xoana Almar, socias traballadoras da cooperativa Cestola na Cachola

“A cestola na cachola fai referencia á reflexión na compra e o apoio ao consumo local”
Os seus murais humanizan pobos e cidades de Galicia, desde Carballo ata Vigo e desde Santiago ata Sober ou Castro Caldelas. A súa paixón pola economía social tamén se viste a través da súa moda ética, que pouco a pouco vaise abrindo paso no competitivo mundo téxtil. Desde hai catro anos as súas mulleres coa cestola na cachola enchen o cooperativismo galego de cor. Esta é a súa historia.
Cando xurde a cooperativa e por que?
Raquel Doallo.- Oficialmente comezamos a funcionar como cooperativa en setembro do 2013, tras máis ou menos un ano desenvolvendo a idea. Cestola na Cachola nace como un proxecto de auto emprego colectivo, para traballar no que máis nos gusta e onde aplicamos a nosa formación e experiencia previas. Eu estou especializada no eido do cooperativismo e a economía social e ao resto do equipo parecíalle que esa fórmula era a máis interesante para a nova empresa.
Cestola na Cachola é unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro. Cales foron os motivos para optar por esta fórmula?
Xoana Almar.- Permítenos un nivel alto de autoxestión do proxecto e, ao mesmo tempo, fai que medre baixo uns principios que antepoñen ás persoas ao capital. En liña con isto, ter a cualificación de cooperativa non lucrativa implica facer visible que o noso obxectivo como empresa vai máis aló do económico e de obter unha remuneración digna. Non procuramos maximizar beneficios, senón fortalecer este tipo de economía e ofrecer propostas viables e visibles de economía xusta e ao servizo das persoas. Por iso formamos parte de REAS Galicia (Rede de Economía Alternativa e Solidaria).
A actividade da cooperativa está diversificada en diferentes ámbitos, desde a pintura ata o téxtil. Se tiverades que definir o voso negocio, cal sería a resposta?
Xoana Almar.- Deseñamos e executamos, por unha banda, propostas culturais a través da pintura, a ilustración e os murais e, por outra, propostas que teñen que ver coa promoción da economía social e solidaria, o traballo en equipo e o consumo consciente. Nesta liña, combinando o cultural e o social, aparece a nosa liña de moda ética: estampamos os nosos debuxos sobre tecidos e prendas ecolóxicas e de comercio xusto, como un xeito de aproveitar a ferramenta da pintura para sensibilizar sobre o consumo de roupa.
Un motivo constante na vosa actividade son as mulleres coa cestola na cachola. Cal é o significado que ten para vós?
Raquel Doallo.- Xoana levaba tempo indagando na figura da muller. Precisamente, no momento no que xorde a idea de crear Cestola na Cachola, fixera unha serie de mulleres coa cesta na cabeza. Pensando na importancia do fomento da economía social e o consumo consciente, pareceunos unha imaxe axeitada, xa que pousar a cestola na cachola fai referencia á reflexión na compra e o apoio ao consumo de proximidade.
Os perfís dos membros da cooperativa son diversos. Cal é o reparto de tarefas, é dicir, quen fai os murais, ilustracións ou a moda ética?
Raquel Doallo.- O traballo na área de pintura é desenvolvido por Miguel Peralta e Xoana: murais, ilustracións, láminas, deseños para estampar na roupa. Eu dedícome ao eido da formación cooperativa, a facilitación de grupos e tamén son responsable da xestión económica e comercial e dos labores de comunicación.
A realización de murais urbanos tivo unha gran notoriedade coa iniciativa posta en marcha polo Concello de Carballo, pero xa son cada vez máis os concellos que o fan. Estamos ante unha tendencia crecente?
Xoana Almar.- Si. Non só o Concello de Carballo, senón que acabamos de participar no décimo aniversario do Desordes Creativas, na vila de Ordes, sendo uns dos festivais de arte urbana máis lonxevos de España. Tamén hai iniciativas en Vigo, Santiago de Compostela e moitos máis lugares. Cremos que cando se fan bos proxectos de murais, contando cos mellores profesionais, o resultado é tremendamente atractivo, xa que o impacto é inmediato tanto a nivel cultural como económico, turístico e social, con vilas e cidades máis humanizadas. Isto está creando certa tendencia.
Ademais, ofrecedes servizos de consultaría e formación en economía social. Está relacionado isto coa vosa maior sensibilidade por este modelo económico?
Raquel Doallo.- Internamente, para nós esta liña implica unha alta colaboración con outras cooperativas e iniciativas coas que deseñamos e executamos proxectos de maior impacto: avaliacións de proxectos sociais, estudos e acompañamento, formación participativa, etc. Por exemplo, coas cooperativas Trespés e Feitoría Verde temos unha afinidade que nos permite pensar en propostas conxuntas que inclúen unha visión de traballo que vai máis aló do económico. Sobre isto, podemos afirmar con rotundidade que hai demanda destes servizos. Porén, cremos que aínda é insuficiente o número de empresas que apostan por dar unha volta aos principios e fórmulas de traballo convencionais, en xeral marcadas por un espírito demasiado centrado no económico e afastado de preocupacións sociais ou ambientais que, desde o noso punto de vista, deberían formar parte da actividade económica de calquera empresa.
Como xa indicou antes, Cestola na Cachola é unha cooperativa que participa no tecido asociativo da economía social en Galicia. Considera que isto é clave para fornecer o sector e crear sinerxías?
Xoana Almar.- Sen dúbida. O traballo en rede é fundamental para facer visible o noso labor e tamén para facer forza e incidir sobre o tecido empresarial e a sociedade en xeral, no territorio e no sector. Só na cooperación coa nosa contorna poderemos conseguir un impacto real e máis sostible. No noso caso, medramos gracias a atopar compañeiras de viaxe coas que tecemos colaboracións e das que aprendemos moito.
Considerades que o feito de ser cooperativa abre máis portas ou vías alternativas? Cal é a vosa experiencia neste sentido?
Raquel Doallo.- Nun principio, estar en diferentes redes de cooperación axudounos moito na nosa difusión. Actualmente, os encargos que recibimos non só están relacionados co feito de ser cooperativa, aínda que é posible que nas vendas a través de Internet teñamos clientes que prefiran mercar a cooperativas. Sen embargo, do que si somos conscientes é de que participar en diferentes redes como REAS Galicia, EspazoCoop, Rede SAL, AGPI ou O Peto fortalece a nosa actividade. Na nosa dinámica interna, a fórmula cooperativa ofrece múltiples posibilidades para a conciliación e o traballo a través dun concepto de flexibilidade beneficioso para as persoas, que facilita o camiño no emprego autónomo en condicións de maior igualdade.
Botando a vista para atrás. Superáronse as expectativas iniciais da cooperativa?
Xoana Almar.- Si. Transformáronse tamén as necesidades das persoas socias desde a idea inicial e o coñecemento doutras iniciativas e a dinámica do propio sector fixo máis ambiciosas as nosas pretensións. Comezamos pensando nun proxecto para crear algo onde se combinasen economía e pintura e conseguimos moito máis. A nosa foi unha aprendizaxe realista, que impulsou a cooperativa. Aínda así, queda moito camiño por percorrer e somos unha empresa en proceso de consolidación.
Cales son os próximos retos da cooperativa?
Raquel Doallo.- Un dos principais obxectivos é seguir abrindo mercado coa nosa liña de moda ética, o que supón un gran esforzo pola competencia do sector téxtil.