As cooperativas agora son cousa de dous

Coa entrada en vigor da Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais en Galicia modificáronse algúns aspectos da nosa Lei de cooperativas co fin de facilitar a posta en marcha deste tipo de empresas na nosa comunidade.

Sen dúbida, o cambio máis salientable é a redución do número mínimo de persoas socias, que pasan de tres a dúas para todas as clases de cooperativas de primeiro grao. Por este motivo, a partir de agora, xa se poderán constituír con dúas persoas socias cooperativas de traballo asociado, servizos, consumo etc. Convén destacar que non se inclúen as persoas socias a proba, excedentes ou colaboradoras.

Como se recolle na propia norma, este cambio normativo obedece ao espírito de simplificar a implantación de empresas colectivas en Galicia e axudar deste xeito a emprender especialmente baixo a formula da cooperativa de traballo asociado. Ponse fin así a unha limitación que viñamos atopando nalgúns proxectos que, malia seren viables, non se poñían en marcha polo elevado custo que supoñía ter tres persoas socias traballadoras desde o inicio.

Mais esta reforma tamén se aplica a todas as cooperativas constituídas, polo que  agora non será preciso cambiar de fórmula xurídica ao reducirse o número de persoas socias. Ora ben, nestes casos temos que revisar os estatutos de cada entidade, xa que pode ser necesario modificalos. A priori, deberán adaptalos as cooperativas que teñan previsto un consello reitor de, como mínimo, tres persoas socias. En cambio, as que conten cun administrador único poderían non ter que modificalos.

Outros aspectos importantes das cooperativas cando teñan dúas persoas socias son:

a) Todos os acordos sociais que requiran maioría de persoas socias ou de votos deberán adoptarse co voto favorable das dúas.

b) Poderán constituír o seu consello reitor con só dous membros, que, necesariamente, se distribuirán os cargos de presidencia e secretaría.

d) O importe total das achegas de cada persoa socia ao capital social non poderá superar o 50 % deste, é dicir, as achegas totais das dúas persoas socias ao capital social deben ser de igual importe.

e) A cooperativa que permaneza máis de cinco anos con dúas persoas socias terá que realizar unha dotación adicional á reserva obrigatoria do 2,5 ‰ da súa cifra de negocio anual. Nestes casos, a maiores do que xa correspondería ingresar no fondo de reserva obrigatorio, deberá ingresar esta porcentaxe.

Outro cambio que trae esta reforma refírese á cooperativa de traballo asociado xuvenil, xa que poderá realizar todos os actos de inscrición, desde a constitución á extinción, en documento privado lexitimando as súas sinaturas ante o rexistro de cooperativas, sen a necesidade de asistencia dun notario ou notaria.

Desde a Rede Eusumo estamos á vosa disposición para asesorarvos sobre estas cuestións e todas as que teñades sobre a economía social.

Podes consultar aquí os modelos actualizados dos estatutos das cooperativas de traballo asociado.

 

Xoves, 16 November, 2017 - 17:00

Compartir