A Xunta ten activas axudas por case 9 millóns de euros para xerar emprego e mellorar a competitividade das actividades da economía social

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe na xornada Financiamento e apoios cooperativos organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) no marco das accións que promove a Xunta de Galicia a través da Rede Eusumo. O representante autonómico informou de que desde hoxe poden solicitarse as axudas da convocatoria Aprol Economía Social para impulsar o emprego en cooperativas e sociedades laborais por valor de 5 millóns de euros. 

A convocatoria artéllase en dúas liñas compatibles entre si, tal e como debullou o secretario xeral. A primeira prevé axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas. A segunda, quere beneficiar a quen entre como socia ou traballadora indefinida nunha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia. 

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6000 euros, con incrementos acumulables do 25 % se se trata de mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou que as entidades se ubiquen en contornas rurais ou sexan cooperativas xuvenís. A orde prevé desde o ano pasado que ese 25 % extra se aplique no caso de cooperativas de nova creación que conten con 4 ou máis socios. Os incentivos máximos poden acadar os 19 500 euros de acumularse algunha destas circunstancias, especificou o secretario xeral. 

Fernández lembrou, por outra banda, que ata o próximo 25 de marzo poden solicitarse as axudas (bono Consolida) por 2,7 millóns de euros para que entidades de economía social -sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego- poidan avanzar na súa transformación dixital e ecolóxica

Con estes apoios, a Administración autonómica quere contribuír ao impulso da actividade económica destas fórmulas de negocio, incrementando  a súa competitividade e mantendo empregos de calidade.

As achegas máximas por entidade poden acadar, neste caso, os 30 000 euros para, entre outras actuacións, financiar  o 90 % dos investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2023 e o  31 de outubro de 2024- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de márketing ou imaxe corporativa. 

 

Difusión e asociacionismo

Doutra banda, a Administración autonómica ten activo ata o 26 de febreiro o prazo para que as 98 entidades da economía social que conforman a Rede Eusumo accedan a achegas para desenvolver en 2024 e 2025 accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula. 

Esta liña destina un orzamento de 690 000 euros ás apoios dirixidos a asociacións, concellos ou agrupación deles, cámaras de comercio, universidades e/ou fundacións e asociacións profesionais, empresariais ou sindicais inseridas nesta Rede.  

Tamén o Diario Oficial de Galicia activou o pasado xaneiro os apoios por valor de 330 000 euros para axudar cos gastos de funcionamento das entidades asociativas que representan esta fórmula. A Xunta quere facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social e financiar os seus gastos de funcionamento, informou o secretario xeral. 

Tal e como destacou Pablo Fernández, con todas estas medidas o Goberno autonómico quere contribuír a consolidar e reforzar a economía social como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio e que contribúe á dinamización demográfica no rural.

Fonte: Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

 

 

Martes, 6 February, 2024 - 11:00

Compartir