A Xunta promoverá o emprendemento feminino na economía social cun certame que recoñecerá os mellores proxectos de mulleres neste ámbito

O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe da Rede Eusumo, impulsada polo Goberno galego no 2012 para o fomento e o desenvolvemento da economía social que reflicte aspectos e actuacións relacionadas coa economía social galega no 2024 e destaca novidades nas que se está a traballar dentro desta rede, entre elas a creación dun certame para recoñecer os mellores proxectos de emprendemento feminino en economía social.
Trátase dunha das actuacións previstas pola rede para desenvolver ao longo deste ano e que forman parte dun contrato que está en fase de licitación cun valor estimado de máis de 1,3 M€. Outra das accións previstas é o deseño dun plan estratéxico en liña coa Estratexia galega de economía social para a posta en marcha de proxectos, deseño de actividades, unha plataforma de teleformación coa finalidade de reforzar o acompañamento e asesoramento na constitución de novas entidades. Deste xeito, búscase ofrecer unha prestación integrada no fomento da economía social, fórmula empresarial baseada nunha serie de principios de inclusión, sostibilidade, igualdade e solidariedade.
Ademais, ao abeiro da Rede Eusumo, tamén se levarán a cabo accións formativas, de acompañamento e asesoramento orientadas a entidades da economía social para achegalas a sectores estratéxicos como a intelixencia artificial, as renovables, a economía dos coidados e a economía verde e azul, entre outros.
Crecemento da economía social galega
En relación ao ano 2024, o informe da Rede Eusumo salienta o crecemento da economía social, o que se albisca no incremento de catro das principais familias que a conforman e que son as cooperativas, as sociedades laborais, as empresas de inserción e os centros especiais de emprego. Neste sentido, o documento sinala que o ano pasado se crearon 150 novas cooperativas cun total de 406 persoas socias promotoras. Neste caso, destaca a equiparación das persoas socias promotoras, cunha distribución do 49 % de mulleres e do 51 % de homes, o que reflicte ao cooperativismo como fórmula a prol da igualdade e a promoción do emprego. Neste ámbito, hai que sinalar que 2025 é o Ano Internacional das Cooperativas, baixo o lema As cooperativas constrúen un mundo mellor. Nesta liña, o Goberno galego seguirá impulsando e fortalecendo o cooperativismo como un piar clave da economía galega.
Ademais, o documento amosa que no 2024 se crearon 124 sociedades laborais, cun total de 156 persoas socias promotoras e tres empresas de inserción, que son sociedades mercantís ou cooperativas sen ánimo de lucro que producen bens e servizos co obxectivo de integrar a persoas en risco ou en situación de exclusión social. A isto súmase a constitución de seis centros especiais de emprego, que son entidades que xeran emprego para as persoas con discapacidade e promoven a súa integración na empresa ordinaria.
A economía social en conxunto representa en Galicia máis do 7 % do PIB e as entidades que a conforman xeran máis de 17.000 empregos. Na actualidade a comunidade conta con máis de 3.500 entidades —entre cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas inserción—, 230 delas nacidas no último ano, que implicaron a preto de 600 novas persoas socias promotoras, a metade mulleres. Ademais, en 2024 a economía social xerou 800 novos empregos.
A Rede Eusumo
A Rede Eusumo conta actualmente con máis dun cento entidades adheridas. A través dela, préstase apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, póñense a disposición das persoas e entidades interesadas medios para o emprendemento entre os que se inclúen as instalacións para albergar o inicio de proxectos empresariais e impúlsase o modelo empresarial no ámbito local con accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego na economía social. Nesa liña, desde a súa creación en 2012, organizou máis de 1.800 actividades formativas e asesorou máis de 1.700 proxectos.
Esta iniciativa enmárcase na aposta do Executivo galego a prol da economía social, ámbito ao que este ano destina case 45 M€ e no que impulsou a Estratexia galega da economía social: horizonte 2027, coa que se estima crear 4.000 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades. Esta estratexia tamén abarca os apoios específicos para as entidades colaboradoras da rede Eusumo, aos que este ano se destinan 690.000 €, así como os que son para incrementar a competitividade das diferentes entidades, entre eles o programa Aprol Economía Social (5 M€), o Bono consolida (máis de 2,7 M€) e as axudas para fortalecer o tecido asociativo do sector (330.000 euros).