A Xunta salienta o potencial do cooperativismo como modelo de emprendemento que incentiva a empregabilidade

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou na sesión divulgativa de emprendemento cooperativo E ti, coñeces a fórmula?, organizada por Espazocoop no marco das actividades da Rede Eusumo e en colaboración co obradoiro de emprego Mancomunidade Ordes IV e do Programa de Emprego, formación, educación e economía social do FSE+. Alí Marta Mariño puxo de relevo o potencial do cooperativismo —unha das principais familias da economía social —como fórmula en prol da igualdade e a promoción do emprego e como vía clave para o emprendemento ligado ao territorio.

Nesta liña, lembrou que este ano 2025 foi declarado pola ONU Ano Internacional das Cooperativas baixo o lema As cooperativas constrúen un mundo mellor e subliñou que a Xunta continuará impulsando e fortalecendo o cooperativismo como un piar clave da economía galega dentro da súa aposta pola economía social.

Para este ámbito, o Goberno galego ten orzados neste 2025 case 45 millóns de euros e no que impulsou a Estratexia galega da economía social: horizonte 2027. Ademais, avanzará na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual e ao futuro da nosa Comunidade, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes.

Ademais, Marta Mariño puxo en valor a aposta estratéxica do Executivo galego a favor do emprendemento, facendo fincapé no labor da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego posta en marcha en xullo de 2022. Esta rede conta con 15 oficinas que ofrecen asesoramento gratuíto e personalizado, tanto para quen desexa emprender na Comunidade como para quen xa iniciou a súa actividade e busca consolidala e leva atendido máis de 4.500 proxectos.

Sesión divulgativa

A sesión divulgativa de hoxe está dirixida ás persoas tanto desempregadas como emprendedoras, ou incluso ocupadas interesadas en coñecer a fórmula cooperativa. Tamén a alumnado de centros formativos de ensinanza secundaria obrigatoria e postobrigatoria, alumnado universitario e de programas de emprego e formación e persoas prescriptoras de emprego para informar e asesorar ás persoas beneficiarias dos seus servizos, entre outras.

O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer o cooperativismo e as súas vantaxes en comparación con outros modelos de negocio e visibilizar como o emprendemento en cooperativa pode contribuír á mellora da empregabilidade e ao crecemento profesional. Neste sentido, representantes da cooperativa Espacios Verdes presentarán o seu proxecto e darán conta da súa experiencia

Fonte: C. de Emprego, Comercio e Emigración

Venres, 8 August, 2025 - 14:30

Compartir