A Xunta destaca o pulo de Galicia a prol da economía social como motor da xustiza social e garante do emprego inclusivo

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou esta mañá na illa de San Simón o oitavo congreso internacional de Economía Social baixo o lema As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social e organizado pola Facultade de Comercio da Universidade de Vigo. Previamente, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, fixo unha presentación da Estratexia galega da Economía Social, co horizonte posto no 2027.
Durante a súa intervención, a directora xeral puxo de relevo a aposta de Galicia a prol da economía social a través de múltiples medidas que converxen na Estratexia galega de Economía social que busca impulsar este modelo empresarial como motor de xustiza social, garante de emprego inclusivo e ferramenta indispensable para seguir fortalecendo o tecido emprendedor galego. Na consecución e éxito destes resultados, resaltou, ten sido fundamental a aposta estratéxica da Xunta a prol do sector, con liñas chave —que continúan este ano— como Aprol Economía Social (5 M€) ou o Bono Consolida (máis de 2,7 M€), así como o apoio e diálogo constante coas entidades asociativas ou o labor do Consello Galego da Economía Social, cuxo obxectivo é promover e coordinar políticas públicas que favorezan o desenvolvemento deste modelo.
Pola súa banda, durante a clausura Pablo Fernández fixo de novo mención á citada estratexia, recalcando outras achegas por parte do Executivo galego, entre eles os apoios específicos para as entidades colaboradoras da rede Eusumo, aos que este ano se destinan 690.000 €, e as axudas para fortalecer o tecido asociativo do sector (330.000 euros). O obxectivo —sinalou— é crear novas oportunidades de negocio ao abeiro deste modelo económico sustentado nos principios de igualdade, solidariedade e integración e que, ademais, ofrece unha gran capacidade dinamizadora da economía local, sobre todo no rural, o que permite fixar poboación en zonas menos poboadas.