A Xunta destaca o papel da rede Eusumo no asesoramento ás administracións locais no eido da economía social

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou esta mañá unha xornada sobre a compra pública responsable por parte das administracións locais, organizada pola Asociación Empresarial de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro (Cegasal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga).

Esta xornada contou co apoio do Goberno galego a través do programa de actividades da Rede Eusumo, protagonista dun informe avaliado no Consello da Xunta do pasado luns con aspectos e actuacións relacionadas coa economía social galega no 2024, incluíndo novidades nas que se está a traballar dentro desta rede como a creación dun certame para recoñecer os mellores proxectos de emprendemento feminino en economía social ou o desenvolvemento dunha plataforma de teleformación coa finalidade de reforzar o acompañamento e asesoramento na constitución de novas entidades entre outras, formando parte dun contrato que está en fase de licitación cun valor estimado de máis de 1,3 M€.

Na súa intervención, Marta Mariño puxo en valor este tipo de actividades para dar a coñecer ferramentas como as que centraron a xornada —a compra responsable ou a contratación reservada— que impulsen unha xestión que teña como base o fomento da economía social por parte das entidades públicas para continuar creando emprego inclusivo, estable e de calidade.

Neste eido, a directora xeral destacou o compromiso do executivo coa economía social a través das entidades que forman parte da Rede Eusumo —actualmente máis dun cento— co obxetivo nesta nova convocatoria bianual, que cun orzamento global de preto de 700.000 euros pretende realizar accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula.

As achegas, de ata un máximo de 190.000 euros, beneficiarán a fundacións e asociacións profesionais, empresarias ou sindicais —as que se destinan 500.000 euros do orzamento total da convocatoria—, concellos ou agrupacións deles, cámaras de comercio e universidades. A maiores resérvanse 379.500 euros do orzamento global para apoiar actividades de sectores específicos como os dos coidados, o agroalimentario, a economía circular ou as enerxías renovables, entre outros.

Estratexia galega da economía social: horizonte 2027

No ámbito da economía social, o executivo galego destinará case 45 M€, impulsando tamén a Estratexia galega da economía social: horizonte 2027, coa que se estima crear 4.000 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades. Esta estratexia tamén abarca os apoios específicos para incrementar a competitividade das diferentes entidades, entre eles o programa Aprol Economía Social (5 M€) ou o Bono consolida (máis de 2,7 M€).

Por outra banda, avanzarase na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas da man de todos os axentes implicados, apostando polo diálogo e a escoita activa, co obxectivo firme de ter aprobada a nova lei este ano.

Fonte: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Mércores, 12 March, 2025 - 18:15

Compartir