A Xunta colabora coa Asociación de Empresarios de Mos nunha xornada de concienciación e posta en valor da economía social como dinamizador da economía galega

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto co director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e coa directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño participaron na xornada Compromiso Social: Creando Valor Social e Económico, organizada pola Asociación de Empresarios de Mos co apoio da Xunta. Nesta xornada —na que tamén estivo presente a alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo—, a asociación tamén presentou a súa primeira empresa de inserción Activa Emprega, a través da cal as mulleres vítimas de violencia de xénero —participantes nalgún dos seus programas de inserción laboral— poden acceder a un traballo adaptado a súa situación, con atención e acompañamento profesional durante o tempo que procuren, ata a plena integración no mercado laboral ordinario.
Durante o transcurso da xornada, expúxose a importancia da Economía Social como dinamizador da economía galega. Tanto Pablo Fernández como Marta Mariño resaltaron que na nosa Comunidade existen máis de 7.000 entidades de economía social que xeran preto de 30.000 empregos directos e contribúen aproximadamente un 7% do PIB galego, sendo un sector que promove o emprego estable e de calidade, así como o compromiso no desenvolvemento local, a innovación e a sostibilidade.
Por outra banda, na mesa redonda titulada Compromiso Empresarial e Economía Social: Implicación das Pequenas Empresas no Desenvolvemento Comunitario, a directora xeral puxo en valor como están a contribuír as estratexias de responsabilidade social empresarial das pequenas empresas na consecución de melloras sociais, tales como o acceso a novas oportunidades de negocio e financiación, mellora da reputación e diferenciación do mercado, aforro de costes ou retención de talento. Neste senso resaltou, a aposta estratéxica da Xunta a prol do sector, con liñas chave —que continúan este ano— como Aprol Economía Social ou o Bono Consolida, así como o apoio e diálogo constante coas entidades asociativas ou o labor do Consello Galego da Economía Social, cuxo obxectivo é promover e coordinar políticas públicas que favorezan o desenvolvemento deste modelo.
Compromiso coa inclusión laboral das vítimas de violencia de xénero
Pola súa parte, no relatorio O emprego como ferramenta de empoderamento e recuperación para mulleres vítimas de violencia de xénero, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, sinalou a importancia de contar con recursos específicos para a recuperación das vítimas, a súa atención e acompañamento no proceso. Deste xeito, lembrou que a Xunta aposta por seguir poñendo en marcha medidas que incentiven a contratación das vítimas co obxectivo de garantir a súa independencia económica. Así, destacou que o Executivo galego conta con tres liñas de achegas destinadas á formación e inserción laboral das vítimas.
Neste sentido, recalcou que o Executivo galego foi pioneiro á hora de poñer en marcha unha prestación económica mensual para contribuir á autonomía e superación das mulleres que sufriron violencia machista.