Do 7 ao 10 de xuño ven a descubrir o 22º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat) en Silleda

A Secretaría Xeral de Emprego invita a todas as entidades de economía social galegas a participar no 22º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), que se celebrará os días 7 a 10 de xuño de 2018 en Silleda.
Neste evento as cooperativas, sociedades laborais e outras entidades de economía social terán a oportunidade de dar a coñecer os seus produtos e servizos a través dun estand conxunto no que se ofrecerán diversas degustacións. Ademais, poderán tomar contacto con numerosos distribuidores no ámbito nacional e internacional, que poderán converterse en importantes oportunidades de promoción e negocio.
Esta iniciativa enmárcase dentro das accións de promoción da economía social coas que o Goberno de Galicia quere estimular e dinamizar unhas empresas que contribúen a un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable, enraizado no territorio e que ten como protagonistas fundamentais as persoas.
As entidades que queiran participar deben comunicar o seu interese no enderezo electrónico economiasocial.emprego@xunta.es antes do día 14 de maio de 2018. A participación no estand é libre de custos para o expositor, correndo só ao seu cargo o produto para súa exposición e degustacións e o seu persoal de atención.