Rodolfo Ojea: "A crise mostrou a economía social como unha ferramenta útil para o cambio social que está impulsando Internet, máis centrado nas persoas"

Entrevistamos ao coordinador da Fundación Cel-Iniciativas por Lugo, Rodolfo Ojea Alonso

Rodolfo Ojea Alonso (Lugo, 1971). Licenciado en Dereito pola Universidade CEU San Pablo de Madrid (1989-1994). Diplomado en Dereito da Unión Europea pola mesma universidade (1990-1994). Técnico superior en Relacións Laborais (Consello Galego de Relacións Laborais, XI edición do curso, 2000-2001) e técnico superior (máster, anos 2005-2007) en Prevención de Riscos Laborais (especialidades de ergonomía e psicosocioloxía, seguridade e hixiene industrial). Leva dende o ano 1998 traballando con emprendedores e novos empresarios na Fundación CEL, entidade  que dirixe como coordinador técnico e xerente dende maio de 2008.       

A Fundación Cel-Iniciativas por Lugo leva en activo desde 1997 e asociouse á Rede Eusumo dende os seus principios. Que motivou esa asociación?

A fundación aposta, desde a súa constitución, por ser un instrumento de responsabilidade social (RS) dos empresarios de Lugo, ademais da creación de empresas e o apoio á xente emprendedora. Quere contribuír como medio de xeración de riqueza e benestar social para Galicia en xeral e para a nosa provincia en particular, xa que é ámbito de actuación preferente. Neste sentido, apoiamos desde os nosos inicios todo tipo de emprendemento: de oportunidade, de necesidade, tecnolóxico, feminino, individual, colectivo e, por suposto, o chamado emprendemento de economía social, un modelo no que cremos firmemente como vía eficaz de xeración de emprego estable e de calidade. Tamén o entendemos como un refuxio contra crises como a que vivimos nos últimos anos, que nos axude a cambiar a economía cara a un modelo máis solidario e orientado ao individuo. Para iso, apoiamos a creación de empresas viables e rendibles, por suposto, pero tamén preocupadas por outros valores, como o desenvolvemento da contorna, a sustentabilidade e o desenvolvemento colectivo e individual das persoas que as promoven. Ao coincidir nesta visión e obxectivos cos que inspiraron a creación da Rede Eusumo polo Decreto 225/2012, de 15 de novembro, non dubidamos en incorporarnos a ela en canto nos convidaron a facelo.  

Tras varios anos formando parte da Rede Eusumo, como valora a súa inclusión? Que aspectos positivos tivo esa unión?

A valoración, ao darse estas coincidencias de fins e obxectivos, non pode ser máis que positiva. Ademais, traballando en rede gañamos en eficiencia e eficacia; optimizamos os recursos dispoñibles, evitando duplicidades; e melloramos a nosa visibilidade fronte aos emprendedores e a “chegada” a eles e ao territorio, xerando sinerxías positivas. E trasladámoslle ao emprendedor unha imaxe de traballo e esforzo conxunto e coordinado para, desta forma, fomentar o emprendemento, que é a imaxe que cremos se debe proxectar.    

Desde decembro do 2014 a Fundación CEL decidiu dar o paso e converterse en Centro de Atención da Rede Eusumo. Que achega a Fundación ao labor que realiza a Rede Eusumo?

Así é. O noso obxectivo é achegar a nosa experiencia de case 20 anos no traballo de acompañamento e tutela a emprendedores durante os seus primeiros pasos, que sempre son difíciles, aínda que tamén apaixonantes. Ademais, poñemos a disposición da rede os medios materiais, humanos e os servizos que ofertamos dende o noso Centro de Iniciativas Empresariais. Gracias a isto, os emprendedores da nosa provincia poden realizar accións de promoción, formación e información, asesoramento e divulgación das vantaxes de emprender baixo fórmulas de economía social no marco da Rede Eusumo.

Como entidade que realiza accións vinculadas coa formación, información, divulgación e asesoramento en materia de cooperativismo e economía social, pode dicirnos como responden os cidadáns a estas accións?

En xeral, o resultado é satisfactorio, pero hai marxe de mellora. Débense seguir facendo esforzos de sensibilización e divulgación deste tipo de fórmulas de creación de empresas, que aínda non son moi coñecidas. Tamén cómpre destinar máis recursos a asesoramento e tutela de proxectos e emprendedores, así como seguir avanzando en materia de coordinación entre os axentes que traballamos neste campo, evitando duplicidades e mellorando a eficacia das accións que levan a cabo e dándolles continuidade no tempo.  

Coa experiencia de máis de 20 anos asesorando a emprendedores, pode dicirnos como viu a evolución da economía social nos últimos tempos?

Nos últimos anos experimentou un auxe considerable, debido, en parte, ao contexto de crise económica, polo que, neste sentido, actualmente vive un bo momento en termos de creación de novas empresas, incrementos de facturación e de creación de emprego. Asemade, a crise ofreceu a oportunidade de darlle máis visibilidade a este modelo de emprendemento e mostralo como unha ferramenta útil para axudar ao cambio social que se está producindo. Tampouco podemos esquecer que este modelo permite centrarse máis no desenvolvemento dos individuos e no benestar das persoas, tendo sempre en conta que as empresas deben ser viables para resultar sustentables e producir cambios.   

Cre que a economía colaborativa é un motor socioeconómico que se debe ter en conta nesta época de crise e estancamento económico?

Sen dúbida, ademais é unha revolución apoiada nas novas tecnoloxías que está a cambiar o mundo. E non hai máis que consultar Internet para ver múltiples exemplos diso: coches compartidos, préstamos económicos, crowdfunding, aloxamentos compartidos, etc. En Galicia xa se están poñendo en marcha moitos proxectos deste tipo que veremos até onde chegan nese intento de cambiar a forma en que vivimos e consumimos.

Os últimos anos evidenciaron a necesidade que temos as persoas de unir forzas e capacidades para sacar adiante iniciativas con proxección de futuro?

Está claro, é a única forma de competir e ser sustentables nun mundo cada vez máis globalizado.

Máis info:

www.fundacioncel.org e www.emprendedoreslugo.com

Venres, 13 Maio, 2016 - 11:45

Compartir