O Tecnópole acolle o II Encontro Agrobiotech Innovación os días 26 e 27 de outubro

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia celebrará os vindeiros días 26 e 27 de outubro o II Encontro Agrobiotech Innovación, no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole, San Cibrao das Viñas, Ourense).

Trátase da segunda edición dun congreso multisectorial, centrado en áreas estratéxicas para Galicia como a biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa, e no que participarán empresas, institucións e expertos destacados para expoñernos as últimas novidades e temas de interese para os ditos sectores, como a compra pública innovadora, a industria 4.0, a sostenibilidade, valorización dos recursos e o aproveitamento enerxético, as innovacións en sectores como o vitivinícola e a nutrición ou as novas oportunidades que representan os programas europeos.

Ademais, o Encontro terá un área expositiva gratuita para os que queiran dispoñer de stands e espazos habilitados para o networking e a concertación de reunións bilaterais (B2B matchmaking).

Na primeira edición do encontro participaron 330 profesionais e 56 relatores expertos, expuxeron os seus produtos e servizos innovadores 28 entidades e axendáronse 130 reunións, o que amosa que este Encontro é unha inmellorable oportunidade para a promoción e o lanzamento das empresas galegas.

Toda a información sobre o programa do Encontro e a forma de inscrición está dispoñible neste enlace. Para calquera dúbida ou aclaración podedes contactar a través da conta de correo electrónico agrobiotech@tecnopole.es.

 

Venres, 20 October, 2017 - 14:30

Compartir