O DOG publicou onte a LEI 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia

O DOG publicou onte, mércores 18 de maio de 2016, a Lei da economía social de Galicia aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado 26 de abril de 2016.
O obxectivo principal desta lei é o de poñer en valor este sector económico, dotalo da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade e impulsar a súa capacidade de xerar un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable. Con esta lei preténdese establecer unha regulación común aplicable ao conxunto das entidades que integran a economía social en Galicia, así como orientar as accións de fomento e impulso con pleno respecto á normativa específica que se aplica a cada clase de entidades, e mais á normativa básica estatal, a Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social.
Así mesmo esta lei ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as entidades que integran a economía social para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios, co potenciamento da súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como co establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación, respectando a súa autonomía.
Coa lei da economía social de Galicia créase o Consello da Economía Social de Galicia como órgano de promoción e difusión da economía social que aglutina os poderes públicos e as entidades de economía social, e que ten como obxecto establecer un foro de comunicación e diálogo onde se definan e deseñen as actuación e as políticas públicas para o fomento do sector. O Consello promoverá o diálogo, a coordinación e a colaboración entre todos os actores da economía social, e será a canle principal de participación das entidades da economía social. O Consello da Economía Social de Galicia estará composto por: Representantes economía social, Xunta de Galicia, Universidades, Concellos e OO. sindicais e empresariais.
Entre outras novidades que contempla a nova lei de economía social de Galicia destacar que a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, queda modificada da seguinte maneira:
- O capital social mínimo para constituírse e funcionar unha sociedade cooperativa non será inferior a tres mil euros, expresándose nesta moeda, e deberá estar totalmente desembolsado desde a súa constitución».
- Suprímese o límite de socios colaboradores. O conxunto destes socios, agás que sexan sociedades coo perativas, non poderá superar un terzo dos membros do órgano de administración, sen que en ningún caso poidan desempeñar os cargos de presidente e vicepresidente del. Tamén poderán ser socios colaboradores aquelas cooperativas coas que se subscribise un acordo de colaboración intercooperativo.
- Estatutariamente poderá establecerse para as novas persoas socias un período de proba non superior a seis meses, agás que a incorporación estea acollida a programas de promoción do autoemprego cooperativo, caso no que poderá ser prorrogado por outros seis meses adicionais.
- Éngadese unha nova disposición adicional, as Cooperativas xuvenís. Son cooperativas xuvenís as que teñen por obxecto proporcionarlle emprego e un marco apropiado para o desenvolvemento profesional á xuventude, mediante a prestación do seu traballo persoal producindo en común bens e servizos para terceiros.
Deberán estar formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras con idades comprendidas entre dezaseis e vinte e nove anos, agás no caso de que sexan persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, no cal a idade máxima será de trinta e cinco anos. O capital social mínimo necesario para constituírse e funcionar unha sociedade cooperativa xuvenil será de trescentos euros, que deberán estar totalmente desembolsados desde a súa constitución.
Se queres coñecer máis sobre a lei de economía social de Galicia e as súas novidades preme aquí.