O Concello de Santiago programa accións formativas de promoción da economía social e colaborativa

Ao longo dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro deste ano terán lugar distintas accións formativas, que buscan achegar as vantaxes da economía social e colaborativa ás persoas en situación de desemprego, que estean pensando en emprender ou que xa teñan lanzada a súa idea empresarial. As accións que inclúe este programa son as seguintes:
- Aposta por ti: Con esta actividade búscase traballar as competencias emprendedoras nos ámbitos que se identifican como prioritarios para o desenvolvemento económico do Concello de Santiago, mellorando a identificación e lanzamento de novos proxectos empresariais e achegando a cultura empresarial e as competencias claves para o emprendemento a aqueles colectivos que máis dificultades teñen na posta en marcha e consolidación das súas iniciativas empresariais: mulleres, persoas en risco de exclusión social, mocidade e cidadanía dos barrios e entorno rural do municipio.
- Grupo de traballo creativo: Este proxecto dá continuidade ao programa piloto de colaboración empresarial baseado na confianza mutua, no que iniciativas empresariais xa establecidas son capaces de vincular a novas persoas en dinámicas de emprendemento cooperativo, artellando actividades conxuntas de dinamización económica.
- Colabora II: É un programa de formación colaborativa e para o emprendemento. Fuxindo dos itinerarios formativos clásicos, con esta acción búscase mellorar a formación das persoas para que afronten a súa vida profesional en dinámicas de creación de iniciativas (non necesariamente de empresas) autolideradas e autoxestionadas, seguindo os principios da economía colaborativa e dotándoas das competencias precisas para afrontar os retos profesionais da nova economía.
- A Viaxe: É unha acción formativa dirixida ao persoal técnico vinculado ao ámbito do desenvolvemento local que queira incorporar os valores e fórmulas de traballo que ofrece a economía social e colaborativa aos programas de dinamización socioeconómica que xestione.
A realización destas catro accións compleméntase coa tramitación da incorporación da Oficina de Promoción Económica á Rede EUSumo da Xunta, coa elaboración dunha diagnose da situación da economía social no Concello de Santiago e coa realización dunhas xornadas técnicas que terán lugar a finais de ano. A información completa pode consultarse na web do Cersia.