Novidades na Lei 44/2015 de Sociedades Laborais e Participadas

O 14 de novembro de 2015 entrou en vigor a nova normativa aplicable ás sociedades laborais (Lei 44/2015 de sociedades Laborais e participadas), que derroga a que até entón estaba en vigor (Lei 4/1997) e que clarifica e actualiza a normativa que regula este tipo de sociedades tendo en conta a realidade económica actual. Isto vai supor que as actuais sociedades laborais terán a obriga, nun prazo máximo de dous anos, de adaptar os seus estatutos á nova normativa, así como a prohibición de achegar ningún documento ao Rexistro Mercantil ata que non cumpran este trámite, a excepción dos títulos de cesamento ou dimisión de administradores, xerentes, directores xerais e liquidadores; a revogación ou renuncia de poderes, a transformación ou disolución da sociedade, o nomeamento de liquidadores, liquidación e extinción da sociedade; e os asentos ordenados pola autoridade xudicial ou administrativa.
As principais novidades que achega a nova lei atópanse nos novos requisitos vinculados coa creación de novas sociedades laborais e a adaptación dos estatus das xa constituídas.
Creación de novas sociedades laborais
No relativo á posta en marcha de novas sociedades laborais, a nova lei destaca o apoio á constitución destas e mingua os requirimentos de número de persoas socias mínimo para a creación, pois abonda con dúas. Ambas as persoas promotoras deberán ser socias traballadoras, sempre que as dúas teñan igual partida de capital social e nunca máis do 50 %. A medida serve para os primeiros 36 meses de vida da sociedade, ao cabo dos que terán de incorporar unha terceira persoa socia.
Por outra banda, poderanse crear sociedades laborais nas que as socias sexan entidades públicas ou non lucrativas da economía social, pero sen que a súa participación alcance, en ningún caso, o 50 % do capital social.
No que respecta á tramitación destas sociedades, esta simplifícase e búscase unha harmonización e colaboración entre rexistros (autonómicos, de emprego e seguridade social e mercantís).
Adaptación dos estatus das xa constituídas
As sociedades constituídas antes do 14 de novembro de 2015 terán dous anos para adaptar os seus estatutos sociais á nova normativa. Tamén destinarán o 10 % dos beneficios líquidos (ou cantidade maior que decidan) para que as persoas traballadoras non socias adquiran participacións sociais da sociedade.
As sociedades ven recoñecida unha demanda de flexibilización da marxe de horas que as persoas traballadoras non socias e con contrato indefinido poden realizar ao ano respecto das socias. Pasa do actual 25 % até o 49 % de horas totais por ano.
Requisitos comúns
Finalmente, outra das novidades da lei é a creación dunha nova categoría social que son as sociedades participadas polas persoas traballadoras que promoven o acceso á condición de socia das persoas traballadoras e a súa participación na empresa.