Nova Cooperativa de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto

Con data 31 de Outubro as asembleas xerais de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, ratificaron por ampla maioría (97,6%, 97% e 96,03%; dos votos respectivamente) o acordo alcanzado polos seus respectivos consellos reitores, polo que inician un proceso de integración das súas actividades e negocios nunha cooperativa de segundo grao, cuxa denominación se fará pública nunha data próxima.
Estas 3 cooperativas gandeiras galegas centran a súa actividade na fabricación de pensos, servizos de recollida,e nvasado e distribución láctea, así como tenda agrícola. Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto procederán á achega total e común de todos os seus activos á nova cooperativa de segundo grao, que pasará a encargarse de todas as actividades fronte a terceiros. O novo grupo contará ademais coa participación doutras sociedades como Feiraco Pensos S.L, Feiraco Lácteos S.L, Clesa, Acolat, Ucoga Asesores, Delagro S.C. e Artesans Gandeiros.
A nova cooperativa pretende converterse en referencia no sector agro-gandeiro, e créase con 3 obxectivos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea galega: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación.