Nace o Foro Pola Economía Social Galega que agrupa ás familias do sector

A economía social galega agrúpase para gañar representatividade e visibilidade no Foro Pola Economía Social Galega

 

A nosa comunidade conta xa cun Foro pola Economía Social Galega, un espazo que servirá como referente representativo de todas as entidades da economía social de Galicia e cuxo fin é o desenvolvemento da economía social no noso territorio.

A Asociación de empresas de inserción de Galicia (AEIGA), a Asociación empresarial de sociedades laborais de Galicia (AESGAL), a Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (AGACA), a Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (CEGASAL) e a Unión de cooperativas de Galicia ESPAZOCOOP  son as cinco entidades que sumaron forzas para constituír esta nova plataforma que reúne baixo un mesmo paraugas as empresas que optan por un modelo económico sustentable no que as persoas están no centro da toma das decisións e cuxo motor principal é xerar e distribuír riqueza para a sociedade.

A economía social é clave para o emprego, a sustentabilidade e a distribución equitativa da riqueza tanto a nivel local como global. En Galicia, engloba  320.000 persoas e representa o 10% do PIB da comunidade. Nos últimos oito anos xerou 29.000 novas empresas no conxunto do estado creando un emprego de calidade cun 80% de contratos indefinidos. Ademais de xerar riqueza e de ter maior capacidade de resistencia ás crises, a economía social está firmemente integrada no territorio e favorece a cohesión do tecido socioeconómico á vez que actúa como dinamizadora comunitaria.

O Foro Pola Economía Social Galega non só representará os intereses da economía social perante os diferentes axentes políticos, económicos e sociais; senón que traballará a prol do desenvolvemento das entidades que conforman a economía social da nosa comunicade mediante a intercooperación e o acceso a procesos de contratación pública porque malia a importancia e arraigo que ten no noso territorio, a economía social segue a ser bastante descoñecida para a sociedade en xeral e, en particular, para os axentes sociais, políticos, económicos e da comunicación.

Este é un paso determinante para o crecemento e fortalecemento das organizacións da economía social galega que continúa a liña de unidade e visibilización xa emprendida noutros territorios da nosa contorna como Portugal coa constitución da Confederão da Economía Social Portuguesa (CESP), plataforma representativa do conxunto do sector luso; ou de entidades procedentes doutras Comunidades Autónomas españolas, como a da Economía Social Catalunya (ESCAT) ou a Confederación de Entidades para a Economía Social se Andalucía (CEPES-A).

A presentación do Foro tivo lugar o 13 de marzo en Santiago de Compostela, nun evento que incluíu proxeccións audiovisuais sobre a economía social galega e as súas diferentes familias e no que interveu o portavoz do Foro, Celso Gándara, o Presidente de CEPES e Social Economy Europe, Juan Antonio Pedreño, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde e a concelleira de economía social do Concello de Santiago, Concepción Fernández Fernández.

 

Mércores, 14 March, 2018 - 09:15

Compartir