Miguel Fernández, presidente de Aeiga: “As empresas de inserción laboral cámbianlles a vida ás persoas en risco de exclusión social”

Que pasa cando o perfil profesional e persoal dun traballador non lle garante o acceso ao mercado laboral e prodúcese así unha situación de risco de exclusión social? A esta pregunta dá solucións a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), contribuíndo a impulsar empresas de éxito e rendibles para persoas nunha situación de desvantaxe. Falamos co seu presidente para coñecer en máis detalle os seus proxectos.
1) Aeiga é, ao mesmo tempo, patronal e unha asociación sen ánimo de lucro. Cal é a súa finalidade?
Somos unha asociación sen ánimo de lucro pero tamén empresarial. A nosa finalidade é impulsar empresas, pero cun compoñente social moi importante. Traballamos con persoas en risco de exclusión social, axudando a contribuír ao seu acceso ao mercado laboral. Estas persoas non poden estar máis de tres anos nas empresas de inserción laboral e, a partir de aí, deben incorporarse nunha ordinaria. As sociedades de inserción teñen similitudes con outros centros, como os especiais de emprego, e deben estar cualificadas pola Administración Pública.
2) Cal é o perfil das persoas en risco de exclusión social en Galicia?
En xeral, trátase de persoas que están traballando dalgún xeito cos servizos sociais. De feito, son estes organismos os que teñen que certificar a situación de risco de exclusión dos candidatos. En definitiva, son persoas con dificultades para acceder a un posto de traballo e que dispoñen de escasas alternativas. Cada vez é máis numeroso o número de persoas en risco de exclusión que se interesa por traballar nas empresas de inserción. Isto débese a que, a diferenza doutros servizos ou axudas, facilitan un salario todos os meses aos seus traballadores, algo que cambia a súa vida ao sacalos da súa situación de exclusión.
3) Cal é a situación e dimensión do sector de empresas de inserción na nosa comunidade?
Agora mesmo en Galicia hai dez que se poden considerar activas. Hai outras que acaban de nacer ou están en proceso de constitución. En total, dan traballo a 40 persoas. A nosa comunidade está nun proceso inicial de crecemento e expansión deste tipo de sociedades, que en toda España xa suman máis de 200 empresas adheridas á federación española (Faedei). A Xunta de Galicia está moi concienciada, dado que lles reserva o 3% das contratacións públicas.
4) Que características teñen respecto ás existentes noutras autonomías?
No caso das sociedades mercantís en xeral, o 51% do capital das empresas de inserción debe estar controlado por unha entidade sen ánimo de lucro, porcentaxe que se sitúa no 49% no caso das sociedades laborais. Sen embargo, na comunidade galega estas entidades soen ter o 100% das participacións debido á maior aversión ao risco que sempre supón crear unha empresa. Este é un reto que ten a iniciativa social en Galicia e xa hai iniciativas interesantes, como a empresa de roupa de segunda man que impulsa Cáritas en Vigo ou a cooperativa de recollida de aceite “Mulleres Colleiteiras” de A Coruña, que son iniciativas novas e que esperamos que se incorporen pronto á nosa asociación.
5) Que outros casos de éxito hai?
En Vigo ten a súa sede Cormo, empresa que depende da Fundación Érguete. É un exemplo moi interesante e cunha longa traxectoria, xa que desenvolvía a súa actividade antes de que estivera en vigor a actual lexislación. Conta con entre cinco e seis persoas en nómina e chega ata as 20 no verán, todo un logro considerando que resistiu á dura crise económica dos últimos anos. Outra referencia é Properdis na localidade de Ribeira, que conta cunha importante actividade e que xurdiu para afrontar a construción dun centro para persoas con discapacidade.
6) Cales son as principais liñas de actuación de Aeiga?
Actualmente estamos traballando en varias liñas. Unha delas é o fomento da reserva de mercados por parte da Administración Pública para este tipo de sociedades. Tamén queremos que se recolla nas normativas municipais. Outro obxectivo é o impulso da creación de empresas de inserción, asesorando iniciativas sociais que dean o salto ao mundo da empresa. Ao mesmo tempo, estamos apostando moi forte por crear contactos co sector privado para optar a contratos con outras compañías. E, no plano social, facer máis visible o noso sector.
7) Que medidas levan a cabo para aumentar a súa notoriedade?
Estamos continuamente estudando oportunidades de negocio e analizando o que pode facer que unha empresa de inserción sexa rendible. Ademais, estamos moi involucrados no ámbito dos servizos sociais e integrados na federación española, que fomenta o coñecemento da nosa actividade outorgando premios a compañías que contratan servizos con empresas de inserción.