Manuel Roxo, socio da cooperativa Culturactiva: “Culturactiva conta con proxectos en Brasil e Palestina e temos expectativas de medrar”

Culturactiva fai honra ao seu nome. É cultura e está moi activa. Pero nesta entrevista non falamos cunha empresa cultural calquera. A súa alma cooperativa lévalle a impulsar unha cultura que non só está pensada para o consumo, senón que se centra máis nas persoas. O teatro cómico goza de boa saúde en Galicia, pero os membros de Culturactiva traballan arreo para ampliar a súa oferta e seguir fornecendo este xénero teatral con apostas seguras como o Festiclown.

A cooperativa Culturactiva xa é toda unha veterana no mundo cultural con máis de 15 anos de traxectoria. Como valora todo este tempo?

Si, levamos máis de 15 anos, xa que xurdimos case co cambio de milenio, aínda que a nosa traxectoria é máis profesional desde 2001. Nun primeiro momento pasamos por unha etapa de aprendizaxe, procurando facernos un oco no panorama cultural de Galicia. Desde o comezo impulsamos a innovación dentro do sector cultural para ampliar proxectos, o que nos facilitou consolidar algúns deles. Neste momento estamos asentados e contamos con clientela fixa, o que nos permite ter expectativas de medrar.

Ese crecemento da actividade tamén pasa pola expansión fóra de Galicia e España?

Si, de feito xa temos proxectos en Brasil e Palestina. A nosa bandeira fóra é o Festiclown, un dos nosos traballos con maior repercusión. Sempre procuramos que o que facemos teña percorrido noutros países. Así, contamos con iniciativas como o Festiclown Palestina, o Festiclown Pela Terra en Brasil, a nosa participación constante no Festival de Cine do Sáhara e tamén creamos unha ONG chamada “Pallasos en Rebeldía”.

Pódese considerar Culturactiva como a cooperativa líder no teatro cómico en Galicia?

Supoño que si, as cifras falan por si mesmas. Non hai demasiadas distribuidoras especializadas en teatro cómico, polo que é posible que sexamos a maior. Participamos en moitos proxectos cada ano, dos cales entre 10 e 12 son producións propias.

Cantos soci@s forman neste momento a cooperativa e que perfís teñen?

Somos cinco socios e socias e os perfís son moi heteroxéneos. Dous membros do equipo traballamos como comerciais pero en realidade somos un diplomado en Económicas (eu) e un Licenciado en Psicoloxía. Á fronte da área de Administración está unha educadora social, o noso clown é un aprendiz de veterinario e o noso director de teatro comezou a traballar no mundo cultural por vocación. É dicir, contamos con moita variedade. 

Cal é a situación do clown hoxe en Galicia? Mellor ou peor que hai anos?

O clown en Galicia goza de boa saúde actualmente, aínda que botamos en falta unha maior presenza e protagonismo do Festiclown. Con todo, parece que se recupera coa celebración este ano en Vilagarcía de Arousa. A día de hoxe o Festiclown segue a estela do que foi nas pasadas 12 edicións, debido a que se reduciu considerablemente o orzamento. En Galicia hai moitas compañías de clown e faise moito e bo teatro cómico. Tampouco podemos esquecer que a aposta política é clave para o mantemento deste xénero teatral, que amosa a realidade cunha visión de humor, pero que é, ao mesmo tempo, crítica e diferente.

Axudou o modelo cooperativo a resistir mellor á crise que afectou á nosa economía durante os últimos anos?

Cando chegou a crise, cadaquén resistiu co que tiña. O bo das cooperativas como a nosa é a implicación dos socios, que pelexan coa mesma enerxía e constancia para sacar adiante o proxecto. Sen dúbida é unha fórmula máis favorable ca do autónomo, dado que a responsabilidade repártese. En Culturactiva somos cinco socios, para o bo e para o malo. A crise foi prexudicial para todo o mundo, especialmente para a cultura, onde baixaron os orzamentos e subiron os impostos. Así e todo, consideramos que é unha situación reversible.

De todos os proxectos de Culturactiva, cales destacaría como os principais fitos?

O Festiclown é o noso proxecto bandeira e con maior repercusión. Foi o que permitiu facernos un sitio no panorama cultural. De feito tamén supuxo unha oportunidade para outras compañías e artistas que xurdiron impulsados por este festival. Pero tamén me gustaría destacar outros, como o festival de cine Olladas do Planeta sobre as minorías sociais que se celebrou en Pontevedra, ademais do festival pola biodiversidade Terractiva de Arzúa, centrado na ecoloxía e que contou con dúas edicións nas que se acompañou de propostas culturais e musicais. Todos estes proxectos teñen un factor común: non se fixeron só para o consumo, senón para as persoas.

Cre que a economía social e o cooperativismo son modelos en auxe?

Creo que estamos nun momento de exploración. Hai xente que está probando o modelo cooperativo procurando afastarse doutros máis manidos. En Galicia existen moitas experiencias cooperativas no eido agrario, pero non tanto noutros sectores como o cultural. Sen embargo, parece que si que está habendo percorrido nos últimos anos e cada vez máis iniciativas e unha maior diversificación. 

Venres, 5 August, 2016 - 09:45

Compartir