Manuel García: "Queriamos demostrar que a ecoloxía e a protección da contorna podían crear unha alternativa económica no rural"

Manuel García, labrego da cooperativa Daiquí
Manuel defende a economía social como un modelo válido para fomentar a fixación de poboación no rural, pero considera que hai que seducir aos mozos e mozas para conseguilo. Con este propósito levan máis de 20 anos co proxecto Daiquí, primeiro como asociación de produtores e agora como cooperativa de traballo asociado. O seu modelo de agricultura tradicional non deixa indiferente a ninguén, nin tan sequera aos agricultores xaponeses ‘Daichi’, que desde o afastado Oriente visitan Rairiz de Veiga para aprender da súa filosofía e técnicas.
Daiquí é unha cooperativa formada por agricultores ecolóxicos. En que momento xurdiu a idea de traballar xuntos?
A idea de Daiquí ten as súas orixes na actividade do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), un movemento que xurdiu en 1996. Toda a comarca estaba experimentando un proceso de concentración parcelaria, deixando pouco espazo para o sistema agrario tradicional, que se reduciu a Rairiz de Veiga, o concello no que temos o noso centro de produción. Chegou un momento que pensamos que tamén había que implicar á xente da zona pero, para conseguilo, precisabamos algo máis que palabras. Queriamos demostrar que a ecoloxía e a protección da contorna natural podían crear unha alternativa económica para que o campo non seguira perdendo poboación. E así foi como naceu Daiquí. Comezamos cun grupo reducido de agricultores que coñeciamos e cos que tiñamos confianza, co obxectivo de que produciran da forma máis natural posible, algo que xa sucedía.
E a forma escollida foi a cooperativa.
A cooperativa creouse máis adiante. Nun principio constituímos unha asociación de produtores e, en 2009, catro persoas botamos a andar unha cooperativa de traballo asociado. Isto foi necesario ante o crecemento do proxecto, que necesitaba de máis traballadores e espazo. Nese momento decidimos facer unha nave, porque ata entón utilizábanse os baixos dunha casa vella para almacenar os produtos.
A conservación do sistema agrario tradicional é algo que valoran os vosos clientes?
Si, por suposto. O sistema agrario tradicional é unha auténtica obra de arte que os labregos crearon por todos os recunchos da nosa xeografía. Un sistema que harmonizaba a produción de alimentos coa conservación dos recursos naturais. Esta forma de traballar é a responsable da fermosa paisaxe da que gozamos da fermosa paisaxe da que gozamos nos lugares onde se preservan os cultivos tradicionais. Este modelo é ideal para facer agricultura ecolóxica e cada vez hai máis xente disposta a pagar un prezo superior para que haxa unha economía en positivo que preserve os recursos, a paisaxe e, sobre todo, que axude a frear o abandono do mundo rural.
Destacades a necesidade de revalorizar a profesión do agricultor? Que significa para vós?
Considero que é unha das profesións máis importantes da nosa sociedade, xa que produce alimentos de boa calidade e moi saudables que fan menos necesario o labor dun doutor. Sen embargo, a escala de valores actual non sitúa en boa posición aos agricultores. Queremos cambiar iso con proxectos como Daiquí. O labrego que produce alimentos sans, que coida da contorna e da paisaxe merece moito máis do que lle está recoñecendo a sociedade.
Na vosa presentación indicades que Daiquí garante un prezo xusto para o agricultor e o consumidor. Como se consegue iso coa gran competencia que existe hoxe e desde unha aldea como Carballal, en Rairiz de Veiga?
Os prezos dos nosos produtos están fixados en función da dificultade coa que os obtemos, a súa rendibilidade e outros aspectos da súa comercialización. Cada vez hai máis xente con conciencia sobre o seu papel no medio natural e xente que quere probar que é un produto ecolóxico ou mesmo que empeza a ter preocupación pola súa saúde. Pero o cliente sempre busca un prezo competitivo, polo que é difícil manter un equilibrio xusto entre produtores e consumidores.
Unha parte da produción é vosa e outra procede doutras partes do Galicia e do Estado, verdade?
Nun principio só producíamos o que se cultivaba aquí, de aí o noso nome, para que a xente apostara pola gastronomía deste lugar. Pero foi unha loita case imposible, porque os hábitos alimentarios da xente cambiaron moito nos últimos 20 anos. É difícil entrar hoxe na casa dunha parella nova na que se coman patacas cocidas, cachelos, un caldo, fabas ou castañas asadas. Por iso, comezamos a comercializar verduras que antes aquí non se producían, como o brócoli ou a coliflor.
Como funciona o voso sistema de comercialización de produtos? Desenvólvese todo a través de Internet ou tamén nunha tenda física?
Aquí non vén a xente a mercar porque estamos nunha aldea afastada dos núcleos máis poboados, unha decisión que meditamos moito, pero aínda así decidimos instalarnos nesta aldea. Xa observamos esta realidade case desde o comezo, polo que no ano 2000 lanzamos a nosa primeira web gracias aos consellos de moita xente consumidora, que nos demandaban a venda por Internet. E agora é a nosa única canle de comercialización. A cuestión é que en Internet hai moitísima competencia, pero seguimos mantendo o tipo.
Cal é o perfil do voso cliente?
Tradicionalmente sempre foi unha persoa con conciencia pola ecoloxía. Na actualidade a situación está mudando lixeiramente, xa que anímanse consumidores que, sen ter unha conciencia ecolóxica, si están interesados pola súa saúde. Son cada vez máis os expertos que sinalan que a maioría das enfermidades que padecemos entran pola nosa boca, o que fai que a xente comece a reaccionar.
O grupo de labregos de Daiquí abrangue diferentes xeracións. Cal é o perfil do equipo? E cantos socios sodes?
Si, hai mozos e mozas, así como agricultores máis veteranos que coñecen a agricultura tradicional, e dos que aprendimos moito. Somos cinco socios traballadores, pero tamén contamos con outros seis produtores máis, aos que lles mercamos a súa produción para vendela a través Daiquí.
Que área xeográfica cubrides?
Temos un reparto propio por Xinzo de Limia, Allariz e Ourense e, para o resto da xeografía galega e española, o reparto faise a través de empresas de transporte.
Hai un tempo recibíchedes a visita dun grupo de agricultores ‘Daichi’ procedentes do Xapón. Como foi esa experiencia?
Recibimos varias veces a súa visita. É un grupo xaponés, que curiosamente se chaman de forma moi similar á nosa cooperativa, ‘Daichi’, e que son as iniciais dunha entidade que en xaponés significa “Asociación para a Preservación da Terra”. Fan o mesmo que nós. Son 2.500 agricultores que abastecen a case 100.000 familias da área de Tokio e outras grandes cidades do país, polo que o seu volume de vendas é moi considerable. O seu presidente quedou entusiasmado da paisaxe de Rairiz de Veiga e con frecuencia organizan viaxes nas que recibimos a visita de familiares de consumidores, produtores e temos uns intercambios moi bonitos, nos que quedan fascinados coa nosa paisaxe e estilo de vida.