José Manuel Castro Leirachá, xerente da cooperativa Santa María do Val: "Desde a cooperativa debemos seguir tentando sumar persoas socias e que estas lle demanden á cooperativa novas liñas de actuación"

A Cooperativa Santa María do Val fúndase no ano 1973, por iniciativa dunha vintena de persoas que apostaban pola cooperación e querían darlles servizos aos veciños do Val e da contorna. Un total de 123 persoas socias promotoras achegou 1000 pesetas (6 euros) e convertéronse en promotores da cooperativa. Os seus estatutos elaboráronse de acordo coa lei vixente naqueles tempos e o sistema de funcionamento interno fíxose seguindo o modelo das caixas laborais vascas.

Ao longo das catro décadas seguintes non deixaron de medrar, así cada un dos fitos supuxo a creación dun servizo para a persoa socia, servizos que continúan hoxe en día: sección de crédito, sección de maquinaria, área comercial integrada (supermercado, agrotenda…), seguros, invernadoiros e obra social, impulsada coa creación da Fundación Terra de Trasancos e que conta con servizos propios de salón de peiteado, fisioterapia, clínica dental, podólogo e salón de beleza.

 

José Manuel Castro Leirachá, xerente da cooperativa Santa María do Val e coñecedor desta, da que foi o seu primeiro traballador hai máis de 30 anos. Cando un mira para atrás e ve tanto traballo feito, que se sente cando no ano 2014 recibe o Premio ao Fomento dos Valores Cooperativos?

Sen dúbida, como traballadores que somos, para nós foi unha gran recompensa e un enorme orgullo. E isto é un sentimento xeneralizado. E tamén un acicate para seguir traballando, para facelo mellor ano a ano. Logo, isto fixo que moita xente se acercara a coñecernos, a interesarse polos servizos e os produtos que ofrecemos. Para o Consello Reitor, tanto os pasados como os que temos agora, o recoñecemento de que o labor de información e de divulgación tivo froito e debe seguir e ser exemplo para os que veñan no futuro.

Dende o ano 2012 a Fundación Terra de Trasancos da Cooperativa do Val, que é a encarnación da obra social da cooperativa á que destinan o Fondo de Formación e Promoción do Cooperativismo, é sede do Centro Cooperativo de Atención Permanente da Rede Eusumo. Que supuxo formar parte da Rede Eusumo de Cooperativas?

Foi moi positivo, posto que reforzou o traballo de difusión do cooperativismo que dende a cooperativa se viña facendo e serviu para, a través das visitas de colexios, de persoas  emprendedoras, de eventos e demais, abrir unha porta máis grande para que a xente nos coñecese. Tentamos achegarnos ao maior número de realidades posibles para ofrecer un maior e mellor número de servizos que a contorna nos demande. Tamén, que dúbida cabe, o ser parte  da Rede Eusumo implica gañar en sinerxías con outros actores do mundo cooperativo galego.

Durante máis de 40 anos non deixaron de medrar. Para mostra as recentemente inauguradas instalacións nas que unificaron espazos comerciais. Cal foi a resposta dos usuarios-socios e non socios ante as remodeladas instalacións?

Foi moi positiva, en xeral.  Á xente gústanlle as novidades, esta zona estaba demandando adaptarse ás novas necesidades. Incrementamos un 30% os lineais e máis dun 20% as referencias de artigos. E a xente segue a confiar, o cal é moi importante, e seguen a vir onda nós a mercar.

Avances, melloras, servizos personalizados. Aquí a persoa socia é o motor e protagonista de todo. Que retos lles quedan por facer cara ao futuro inmediato?

O relevo xeracional. Aqueles mozos e mozas que no ano 1973 apostaron polo cooperativismo e por botar a andar a cooperativa hoxe teñen arredor de 70 anos. Son exemplo e ánimo para todos nós, pero deben ter a quen pasar o testemuño a esas mulleres e homes novos que teñen que facer seu o futuro desta cooperativa. Precisamos que se acheguen e que nos coñezan para poder seguir servindo á nosa contorna. A cooperativa é unha realidade viva e, como tal, ten que evolucionar. Que dúbida cabe que neste labor de achegamento interxeracional contamos coa Fundación Terra de Trasancos da Cooperativa do Val que serve para achegar persoas con necesidades moi diversas.

Desde a cooperativa debemos seguir tentando sumar persoas socias e que estas lle demanden á cooperativa novas liñas de actuación. O reto é seguir medrando e seguir conseguindo que o socio sexa a razón e o motor de todo.

Venres, 27 Maio, 2016 - 10:30

Compartir