Iván Antón Prieto, de Ozono Multimedia: “As sociedades laborais quizais non son o modelo máis atractivo para os investidores, pero si para os traballadores e os socios”

O seu traballo está detrás do programa do tempo da Televisión de Galicia, que milleiros de persoas ven todos os días, ou das indicacións que os usuarios do transporte urbano de A Coruña reciben para que saiban en que parada deben baixar. A súa actividade non é tan visible como noutras profesións, pero os seus resultados pódense apreciar en distintos ámbitos do noso día a día e de múltiples sectores. Medran pouco a pouco para garantir unha maior estabilidade e nunca pediron un crédito bancario para o desenvolvemento da súa actividade. Esta é historia de Ozono Multimedia.
1.- En que momento xurde Ozono Multimedia e por que se optou por unha sociedade laboral?
Empecei a traballar na axencia EFE como persoal de mantemento a cargo de todos os seus equipos e sistemas en Galicia. Tras analizar a situación do mercado, que ofrecía bastantes posibilidades, uns amigos e eu decidimos en 2001 crear a empresa, que botou a andar definitivamente en 2002. A decisión de iniciar unha empresa de economía social debeuse, sobre todo, aos beneficios laborais que garantía para cada un dos socios e que eran maiores que noutro tipo de fórmulas xurídicas.
2.- Ozono Multimedia é unha sociedade laboral con máis de 15 anos de historia nun sector, o tecnolóxico, en constante cambio e no que nun ano experimenta moitos máis cambios que noutras actividades. Cales son as maiores transformacións vividas neste tempo?
Cando constituímos a empresa había un mercado cunha serie de características, pero os nosos produtos e servizos fóronse desenvolvendo co paso do tempo para adaptarse ás esixencias do sector e ás demandas dos clientes. De feito, o noso plan de negocio en 2002 quedou rapidamente obsoleto e pouco ten que ver co que aplicamos na actualidade. Algo que era punteiro entón xa non o é agora. Non estaríamos aquí de vender o mesmo que hai anos. Naquel momento abríase un mercado, o dos servizos tecnolóxicos en xeral, que aínda segue existindo, pero os produtos e servizos específicos varían a gran velocidade.
3.- Que aspectos destacaría como definitorios da filosofía da empresa?
Cómpre salientar que o noso modelo de empresa quizais non é o máis atractivo para os investidores, pero si para os traballadores e os socios. O que buscamos é unha estabilidade económica e laboral ao longo do tempo. Nunca tomamos decisións pensando só no económico, senón equilibrando o resultado global da empresa co benestar do noso equipo de profesionais. Por exemplo, sempre fomos moi conservadores cos salarios, mesmo en épocas nas que podíamos subilos bastante, pero mantemos esta política para garantir unha solidez da empresa que nos dea estabilidade a longo prazo. Incluso nos recriminaron que non pedísemos créditos bancarios para o desenvolvemento da nosa actividade. Máis que unha empresa considerámonos un estudo, xa que nunca fomos máis de cinco persoas no equipo. En canto á xestión da empresa, un dos obxectivos que sempre procuramos cumprir é non ter unha alta exposición a proxectos dun único tipo de cliente, especialmente coas administracións públicas, que é un factor común no noso sector. Cremos que a clave é a diversificación. Ademais, outra das claves é non medrar por enriba das nosas posibilidades.
4.- Cal é o perfil dos membros do equipo de Ozono?
Somos todos desenvolvedores, aínda que durante sete anos tamén contamos cun deseñador no equipo, pero polas súas inquietudes profesionais e pola propia especialización da empresa en determinados ámbitos decidimos centrarnos exclusivamente no desenvolvemento de servizos e produtos tecnolóxicos orientados á empresa e á súa produtividade. Contratamos fóra puntualmente outro tipo de traballos como o de deseño. Desenvolvemos programas de xestión, produtividade, sistemas ERP e os seus accesorios. Tamén realizamos plataformas para dispositivos móbiles de maneira nativa e facemos outro tipo de desenvolvementos comúns.
5.- Cales son os vosos proxectos máis destacados dos realizados ata agora? A vosa carteira de proxectos inclúe importantes clientes.
Unha das cousas que aprendemos ao longo dos anos é que os mellores clientes non son sempre os que máis nome teñen ou os que a veces non son tan coñecidos. Se temos que falar de proxectos máis notorios ou visibles, destacaría o desenvolvemento do software do programa do tempo da Televisión de Galicia. Consiste nun software de escritorio que usan os meteorólogos da canle autonómica. É un proxecto que xa leva anos implantado e co que estamos moi satisfeitos. Tamén desenvolvemos un software para a rede de autobuses urbanos da Coruña, que identifica cada parada cun son no que se indica o nome da liña e a parada. Ademais, quero destacar unha plataforma realizada para os Colexios de Arquitectos Técnicos e Aparelladores en diferentes cidades de Galicia, como os de A Coruña e Pontevedra. En canto a sistemas ERP, traballamos cunha gran empresa instalada en Galicia que manexa unha relevante cantidade de datos diarios e tamén desenvolvemos sistemas no ámbito das recargas móbiles.
6.- Cales son as expectativas para 2017?
A priori 2017 parece un ano máis tranquilo, no que non contamos coas previsións de negocio que tiñamos para exercicios anteriores. É certo que ao longo de toda a nosa traxectoria apenas investimos recursos en marketing, un aspecto que queremos impulsar a partir de agora cun plan que vimos de deseñar. Tomamos a decisión de adoptar unha actitude máis activa no eido comercial.
7.- Os clientes destacan a flexibilidade, tecnoloxía e creatividade realizada por Ozono Multimedia. Considera que estes son os aspectos que vos diferencian da competencia ou habería que destacar algún outro?
O que nos diferenza é o noso tamaño. Moitos clientes veñen a nós procedentes de empresas grandes do sector e quéixanse de que non existe un trato personalizado. Consideran que o servizo que reciben non lles convence por unha falta de atención adecuada, porque non teñen claro quen ten o poder para tomar as decisións e porque os tempos de resposta son moi elevados, e iso a pesar do gran tamaño desas compañías, pero que ao final son vulnerables en operatividade. Para nós, é importante que o cliente poida tratar directamente coa persoa que leva o proxecto. De feito, temos clientes grandes, con redes comerciais por todo o mundo, que saben que sempre respondemos en tempo real, incluso nas fins de semana. Tamén adaptamos os nosos horarios aos dos nosos clientes, sempre mantendo a debida conciliación do noso equipo.
8.- Que opinión lle merece a economía social como modelo económico?
A decisión de ser sociedade laboral non se debeu a unha vocación inicial ou a un factor ideolóxico previo. O que nos convencen son as series de vantaxes que ofrece este modelo fronte ao de, por exemplo, unha sociedade limitada. O noso equipo dispón de dúas tardes libres entre semana, así como a tarde do venres cada dúas semanas. E existe a flexibilidade horaria e de condicións. Temos esa conciencia non por unha fórmula xurídica ou etiqueta concretas, senón pola nosa propia visión do traballo e porque tamén somos pais e queremos conciliar coas nosas familias.