ICOOPERA Impulsando a I+D+i, a dinamización de redes e o estímulo da utilización das TIC nas cooperativas de Galicia

Icoopera é unha iniciativa promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, que ten por obxecto potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación (I+D+i) e o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) no contorno das cooperativas.

A través dun servizo gratuíto para as cooperativas, preténdese favorecer a creación de proxectos de cooperación e o intercambio de experiencias e fomentar a transferencia de coñecementos, tanto no seo da cooperativa como a través das relacións con outros axentes do Sistema Galego de Innovación.

Podemos falar de tres bloques de actuación dentro do proxecto. Un deles é o de asesoramento, formación e divulgación, dentro do cal se dará asesoramento técnico a través dun servizo de consulta sobre I+D+i e TIC. Así mesmo, elaboraranse estudos e publicacións na materia e impartiranse xornadas divulgativas e de captación de beneficiarios. Tamén se inclúe a realización de cursos en liña e presenciais sobre creatividade no deseño de novos produtos e servizos, xestión de proxectos de I+D+i, vixilancia estratéxica ou comercio electrónico, entre outros.

Por outra banda, nun segundo bloque, traballarase no desenvolvemento de programas de I+D+i, a través da elaboración dun diagnóstico individual, dando apoio personalizado na posta en marcha de programas de I+D+i, buscando a consolidación de equipos de I+D+i, ofrecendo formación específica adaptada ás necesidades dos traballadores e dinamizando as redes de intercooperación.

Por último, no terceiro bloque, hai que falar do programa de inmersión nas TIC, que consiste na elaboración dun diagnóstico individual da cooperativa e do seu contorno en relación coas TIC, no asesoramento técnico e a formación específica e no apoio ao desenvolvemento de programas TIC.

Neste ámbito compre sinalar dúas liñas de actuación, a básica e a avanzada. A primeira delas consiste na mellora da presenza das cooperativas en internet e nas redes sociais, na creación da imaxe e a web corporativa e na incorporación ao directorio e o catálogo do portal intercooperar.coop. Na segunda liña de traballo, incorporarase a cooperativa ao comercio electrónico e crearase un sistema de xestión.

Icoopera é unha actuación promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo FSE Galicia.

Para máis información:
Tlf: 981 552 059
info@innovacioncooperativas.coop  
www.innovacioncooperativas.coop

Compartir