Estudantes do IES Leiras Pulpeiro achéganse ao cooperativismo con AGACA, Feiraco e a Rede Eusumo

- Mañá, un grupo de estudantes do IES Leiras Pulpeiro, de Lugo, participarán nunha xornada didáctica sobre cooperativismo na Fundación Feiraco, situada en Ames.
- A actividade forma parte da Rede Eusumo, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar o cooperativismo e a economía social.
Técnicos de AGACA impartirán unha xornada de formación sobre cooperativismo no eido agroalimentario para unha trintena de estudantes do ciclo de Grao Superior de Industrias Alimentarias do instituto lucense Leiras Pulpeiro. Estas xornadas teñen como obxectivo explicar aos mozos e mozas as características e oportunidades de desenvolvemento laboral e económico do modelo cooperativo de negocio, de xeito que poidan consideralo como unha opción de futuro profesional no momento de rematar os seus estudos.
Despois da formación teórica, os estudantes poderán percorrer as instalacións da cooperativa láctea Feiraco, situada no municipio Ames (A Coruña), onde os traballadores lles mostrarán paso a paso os pormenores da elaboración dos produtos lácteos que producen así como o funcionamento dunha sociedade cooperativa.
AGACA e a Fundación Feiraco, que dende o 2012 funciona como un dos “Centros Rede Eusumo” para a dinamización do emprendemento cooperativo, participan así, unha vez máis, nun dos proxectos da Rede Eusumo, impulsada pola Consellería Economía, Emprego e Industria dende o ano 2011.
Rede Eusumo
Asesoramento, formación, acompañamento nas iniciativas empresariais, apoio á internacionalización, celebración de encontros internacionais e transfronteirizos, intercambio comercial e cooperación transversal son outras áreas de actividade que definen a rede de colaboración Eusumo.