EspazoCoop lanza un programa de aceleración para proxectos cooperativos e de economía social

A Unión de Cooperativas EspazoCoop lanza o programa de aceleración ES-Factory EspazoCoop – Impulsa, que se compón de formación, mentorías e apoio na busca de financiamento para persoas emprendedoras que desenvolvan iniciativas enmarcadas nas economías emerxentes que se organicen mediante fórmulas empresariais do sector da economía social.

O prazo para participar no programa de aceleración dirixido a proxectos de economía social finaliza o 27 de marzo de 2025.

A convocatoria ofrecerá ás persoas e os proxectos de emprendemento e consolidación a oportunidade de participar nun itinerario orientado a impulsar e consolidar as súas iniciativas empresariais en réxime de cooperativa ou doutros modelos da economía social.

Durante 5 meses os proxectos que participen recibirán:

  • Formación especializada
  • Asesoramento
  • Titorías persoalizadas
  • Soporte para buscar financiamento,

A aceleradora está deseñada para fomentar a creación e consolidación de iniciativas empresariais en sectores estratéxicos como a economía verde, azul, laranxa, amarela e prateada. Entre os seus principais obxectivos atópanse:

  • Identificar e potenciar novas ideas e liñas de negocio dentro da economía social.
  • Proporcionar formación e acompañamento experto.
  • Ofrecer ferramentas para a avaliación e capacitación das persoas emprendedoras, fortalecendo as súas competencias empresariais.
  • Fomentar a intercooperación e a creación de sinerxias entre as persoas participantes e outros axentes do ecosistema de economía social.

O programa esta aberto a catro grandes grupos de persoas destinatarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal:

  • Persoas emprendedoras interesadas en crear e impulsar os seus proxectos empresariais de economía social.
  • Proxectos de economía social promovidos por empresas do territorio transfronteirizo xa creadas e en fase de consolidación que queiran acelerar os seus proxectos ou alcanzar un salto de escala; deseñando novos produtos, novas liñas de negocio, novos procesos de xestión …
  • Cooperativas e empresas baixo outras fórmulas xurídicas da ES
  • Outras empresas de Galicia e do norte de Portugal constituídas baixo outras fórmulas xurídicas que queiran transformarse en empresas de economía social.

Inscricións: a través desta ligazón

Máis información: A través do correo electrónico info@espazo.coop ou  na web en www.espazo.coop.

Descarga as bases da convocatoria

 
Xoves, 13 March, 2025 - 13:00

Compartir