Entrevista a Ramón Carmelo Rodríguez, secretario técnico da Sección Territorial de Galicia de Coop 57

Pouco a pouco, e non sen moito esforzo e traballo, podemos afirmar que na procura de financiamento e na achega de aforro, en Galicia, hai alternativas no ámbito da economía social cada vez máis consolidadas dende unha perspectiva ética e solidaria. Nesta ocasión, entrevistamos ao secretario técnico da Sección Territorial de Galicia de Coop57, Cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios, Ramón Carmelo Rodríguez Padín.
Que é Coop 57 e como funciona?
Coop57 Galicia forma parte dunha cooperativa de servizos de financiamento creada para responder ás necesidades de financiamento da economía social e solidaria.
Os servizos que ofrecemos non se destinan ao cliente particular que demanda un préstamo de consumo ou domicilia recibos. Apoiamos proxectos de economía social con impacto positivo no entorno no que se asenta, que proporcionen calidade no emprego, inserción laboral ou respecto polo medio ambiente.
Ademais, para garantir a devolución do préstamo realizado miramos a calidade dos fondos, o nivel de endebedamento, as fontes de ingresos e outros aspectos mínimos, pero sen deixar de conxugar o funcionamento óptimo de Coop57 e a confianza das persoas aforradoras.
O certo é que o nivel de prestamos non devoltos polos socios é do 0%. Claro que para iso temos que ser moi proactivos, falar moito coa entidade socia, flexibilizar prazos ou condicións.
Coop57 constitúese en Cataluña en 1995 e desenvolve a súa actividade en Galicia dende 2009. Como xurdiu a idea de crear unha sección territorial en Galicia?
Levabamos preto de ano e medio dándolle voltas a idea de crear no noso territorio, Galicia, unha sección territorial.
Por outra banda, o grupo promotor andaba na procura de apoiar unha ferramenta de aforro que tivese a democracia, a ética social e a sensibilidade social e ambiental por bandeira, e que puxese en valor que o aforro tiña que ser útil para apoiar os colectivos que non tiñan facilidades de financiamento na banca tradicional para os seus proxectos de economía social.
Finalmente, estudáronse varias opcións, e o grupo das entidades promotoras (15 entidades cooperativas de traballo e consumo e de economía social) xunto con 40 persoas colaboradoras que achegaban aforros decantáronse por crear unha delegación territorial dunha iniciativa de cooperativas de servizos bancarios éticos. Isto permitía proximidade coa xente do territorio, garantía do aforro e o empréstito de cartos para futuros proxectos.
Decidíchedes seguir a mesma estrutura e organización de Coop57 na sede de Galicia ou pola contra seguides outra diferente?
Para que se comprenda ben, contareivos como se estrutura Coop57.
A día de hoxe existen 6 seccións territoriais; Andalucía, Aragón, Cataluña, Pais Vasco, Galicia e Madrid. Cada unha delas ten unha estrutura de Asemblea de Sección de socios, que é o órgano fundamental, e un órgano de goberno, que é o Consello de Sección. Esta estrutura territorial ten a súa representación no Consello Reitor da Sede en Cataluña, onde están representadas as persoas socias colaboradoras, aforradoras, as persoas socias usuarias e tamén os delegados de cada unha das seccións territoriais.
Isto permite a proximidade e singularidade de cada territorio e a participación e democracia plena. A isto súmase que para brindar a maior transparencia de cara ás persoas socias colaboradoras como de cara ás usuarias, anualmente pasamos unha auditoría de contas.
Concretamente, que servizos financeiros oferta Coop 57? E quen se poden beneficiar deles e gracias a quen?
A variedade é ampla. Desde produtos para mellorar a liquidez, adiantos de subvencións, inxección de circulante normal, préstamos a longo prazo...
En Coop 57 benefícianse dos nosos servizos as denominadas persoas socias de servizo, é dicir, entidades da economía social e solidaria. E isto é posible gracias a outro colectivo moi importante, as persoas socias colaboradoras, que son persoas físicas ou entidades que achegan aforros pero non reciben empréstitos.
En referencia ás persoas socias colaboradoras, poderíasnos concretar algo máis o seu papel en Coop 57? E como evoluciona a captación do aforro en Galicia?
As socias e socios xogan un papel fundamental. As persoas socias colaboradoras achegan aforro que permite conceder empréstitos ás persoas socias usuarias e tamén dan a coñecer a iniciativa. Á súa vez, os labores de divulgación, participación en eventos e as recomendacións das socias e socios cara a terceiros fan que todo o proceso sexa posible.
Nos cinco primeiros anos da sección en Galicia o nivel de entrada foi moi esperanzador. Isto permitiunos ter que depender menos dos aforros doutros socios, doutras seccións territoriais, pero entre os anos 2014 a 2018 a entrada de persoas socias colaboradoras está moi estancada. É unha materia pendente que temos que mellorar.
Se pensas no futuro, cales son as expectativas de crecemento no territorio?
Este ano amosa expectativas positivas, 240.000 en préstamos novos de nove entidades socias de servizo, o que supón un incremento fronte aos tres últimos anos.
Tamén desexamos incrementar a base social de persoas socias colaboradoras de aforros en Galicia, igual con achegas máis pequenas de aforro pero consolidando esa base social.
Así mesmo, queremos optimizar a base social a nivel de entidades con incremento de persoas socias de servizo. Quedan moitas que poderían enriquecer moito e ás que lles podemos servir de ferramenta de financiamento.
E por último, contar cun instrumento que sirva de divulgación continua do noso labor na sociedade galega e no tecido económico e social.
COOP 57 EN DATOS
Ano de constitución: 2009
Sede: Rúa Taboada Leal, 15 Entresollado 36203, Vigo
Web: https://coop57.coop/gl/galiza