Entrevista a Mercedes Vázquez, socia de dehistoria: “O noso traballo é unha mestura entre o investigador de antropoloxía e un policía”

A investigación histórica é unha profesión tan apaixonante como descoñecida, na que o coñecemento é a súa principal ferramenta, capaz de revolucionar un sector ou un territorio por completo. Mercedes Vázquez e Pilar Rodríguez son as impulsoras de dehistoria, unha sociedade laboral referente nesta actividade en Galicia. O seu traballo minucioso e riguroso está detrás de marcas tan populares como o queixo de tetilla, a feira de San Froilán en Lugo ou a augardente de Galicia.

 

Como xurdiu dehistoria e por que a fórmula escollida foi unha sociedade laboral?

O obxectivo de crear a empresa en 2004 era abrir camiño para a profesionalización do sector da investigación histórica. Era algo que xa viñamos traballando na Universidade de Santiago de Compostela e no Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento do CSIC, pero eran proxectos, sobre todo, enfocados á Administración Pública. Consideramos que había un espazo para orientar iso cara as empresas e o cliente particular ou iniciativas concretas para administracións máis pequenas que non foran a Xunta de Galicia. Sobre o feito de escoller o modelo de economía social, foi algo ao que non lle demos moitas voltas, porque queríamos ser propietarias da nosa empresa e que quen traballara nela no futuro tamén o fose, aínda que tamén contamos con socias capitalistas. É importante contar con voz, voto e propiedade.

 

dehistoria é unha empresa que se dedica á investigación sobre a historia pero, que tipo de proxectos son os que desenvolvedes?

Son moi variados e dependen do cliente. Traballamos baixo demanda. Temos proxectos con comunidades de montes, que, por exemplo, están no proceso de identificación dos seus lindes históricos. Tamén apoiamos, con estudos en detalle, solicitudes de indicacións xeográficas protexidas de produtos, como a torta de Santiago, a augardente de Galicia, o queixo de tetilla e acabamos de rematar un informe sobre a carne de vacún adulto. Nestes casos, o noso labor consiste en identificar o vínculo histórico do produto co territorio. Por outra banda, facemos todo tipo de contidos, desde exposicións, itinerarios e materiais turísticos. Recentemente, fixemos unha exposición para o Concello de Santiago sobre a historia do comercio compostelán como forma de establecer vínculos afectivos entre o público en xeral e o comercio na cidade. Neste tipo de proxectos máis divulgativos procuramos crear o vínculo afectivo que fideliza o territorio, o negocio e a xente. Por último, tamén elaboramos informes ad hoc para procesos xudiciais co obxectivo de axudar nas pesquisas. En definitiva, o noso traballo é unha mestura entre un investigador de antropoloxía e un policía, xa que sumamos, interpretamos datos e buscamos unha secuencia lóxica.

 

Cal é o voso perfil de clientes e en que están interesados? Traballades só no ámbito galego ou tamén fóra?

Contamos con clientes internacionais. Non é tanto que o noso mercado sexa galego, senón que o ámbito no que mellor nos movemos é Galicia. É dicir, que se alguén precisa coñecer algún aspecto da nosa historia, nós somos unha das empresas referentes.

 

Hai moita demanda de entidades e empresas en relación coa vosa área de coñecemento?

Existe demanda, pero a nosa actividade precisa de maior recoñecemento e valor. Por exemplo, no caso das comunidades de montes, a priori non detectamos unha demanda concreta pero, cando coñecen o que lles podemos ofrecer, prefiren este servizo en lugar doutros. E, no caso do eido xudicial, gañamos o 100% dos preitos nos que participamos. A profesionalización da historia á marxe da ensinanza non é algo moi común en España, pero noutros países si está máis implantado. Por exemplo, en Irlanda hai unha área de negocio importante en torno á busca das historias familiares, e tamén nos países de historia recente, como Australia e Estados Unidos.

 

Destacades a vosa vocación innovadora. Como se materializa?

O noso epígrafe de IAE (Imposto de Actividades Económicas) é “investigación en Ciencias Sociais e Humanidades”. Hai moitas empresas pequenas como a nosa que fan investigación. Nós non precisamos tecnoloxía, a nosa principal ferramenta é o noso coñecemento. De feito, para revolucionar por completo o turismo nunha cidade ou territorio só precisamos que alguén invista nun proxecto de investigación co que deseñar novos contidos turísticos. E, nun paso posterior, outros aplicarán a tecnoloxía sobre ese coñecemento que nós sacamos á luz. Cristóbal Colón só precisba que alguén pagara os barcos para ir a América e despois outros fixeron moitas cousas a partir do que el descubriu.

 

Asegurades que o valor do pasado é unha“arma de futuro”. En que sentido?

Así é. O que coñecemos está publicado, pero hai unha gran cantidade de información descoñecida, que está nos arquivos. E con esa información pódese xerar moita riqueza. Dado que a maior parte da historia é académica, coñecemos os grandes feitos, pero non tanto as pequenas historias que se insiren nese marco xeral, no que atopamos o pasado de cidades, vilas ou os vínculos históricos de determinados produtos. Está todo por descubrir.

 

En que proxectos estades a traballar nestes momentos?

Actualmente estamos traballando para comunidades de montes e preparando un informe histórico orientado á protección patrimonial, así como a dixitalización de documentación medieval. Todo isto combinado con outros proxectos pequenos de arquivo e indagación en historias familiares.

 

Cales son as perspectivas a medio e longo prazo?

O noso reto é intentar recuperar o nivel de actividade que tiñamos en 2010 e 2011. Notouse moito a crise, o cal é unha situación inxusta, porque as empresas do ámbito cultural víronse moi afectadas a pesar de ser sempre moi innovadoras en propostas e ideas. En cidades como Santiago de Compostela a cultura ten moito potencial porque a cantidade de xente que aquí vive do sector é superior á que porcentualmente pode haber noutras cidades.

 

A economía social está en constante crecemento, pero non é un sector só da nosa época. Coñecedes algún dato ou aspecto característico da súa historia?

Sería interesante financiar unha investigación para coñecer as súas raíces históricas. Agora ben, si que hai formas de traballo históricas que poderían asimilarse ao que hoxe é a economía social ou os formatos colaborativos dos traballos comunitarios. En Galicia hai un caso moi claro na “sacada” das sardiñas. A través deste sistema, que funcionou ata o século XIX, os mariñeiros xuntábanse para ir a pescar, e cada un deles levaba un anaco de rede para formar o cerco. Había uns que tiñan máis cartos e poñían o barco e outros que achegaban a rede e o traballo. Segundo a súa contribución, así era o quiñón pero o beneficio común dependía da achega e o traballo colectivo; todos eran propietarios e todos eran traballadores.

 

Venres, 3 February, 2017 - 11:15

Compartir