Entrevista a Esther Sobral, directora e socia traballadora do Conservatorio Histórico de Santiago

“A cooperación a través da música é unha das nosas razóns de ser”
Recoñecido pola Xunta de Galicia con dous premios ao seu labor a prol do cooperativismo, o Conservatorio Histórico de Santiago leva desde 2005 impulsando pioneiros programas didácticos coa música como eixo central, algúns deles de gran éxito como o popular “Cooperación, Música, Acción” ou SONSeBEBÉS”, que tivo unha grande repercusión mediática. Conversamos coa súa directora sobre a traxectoria e proxectos do centro.
En que momento se decide impulsar o conservatorio e por que baixo a fórmula cooperativa?
Nós traballabamos no antigo e único conservatorio que houbo durante décadas en Santiago, que entón xestionaba a Real Sociedade Económica de Amigos do País. Esa sociedade tiña recollido nos seus estatutos que se retirarían dalgunha das actividades que xestionaban no momento en que os gobernos e responsables públicos as impulsaran. Isto sucedeu cando abriu o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. A Sociedade, case dun día para outro, decidiu que pechaba o antigo, que funcionaba ben e tiña moito alumnado. Ante nós presentábase un panorama bastante desalentador pero, tras varias reunións, un grupo de profesores decidimos continuar co conservatorio pola nosa conta, porque consideramos que xuntos seriamos máis fortes e tiñamos xente que xa coñecía e recoñecía o noso traballo dentro e fóra de Compostela. Por iso creamos en 2005 unha cooperativa, que era a fórmula máis axeitada aos nosos intereses e á nosa situación.
Cal é o perfil dos creadores e socios traballadores da cooperativa?
Cando formamos a cooperativa, ofrecéuselle a todos os profesores do antigo conservatorio pasar a formar parte da nova cooperativa, pero isto implicaba unha achega económica que non todos podían ou querían asumir. Os que formamos a cooperativa eramos profesores do centro, a maioría pianistas, unha chelista e unha guitarrista. Despois, por distintos motivos da vida, dous dos socios fundadores desvinculáronse do proxecto. Agora somos 14 profesores e dúas persoas en secretaría. Todos os docentes contamos coas máximas titulacións dos instrumentos correspondentes.
O voso labor musical está recoñecido, pero tamén desde o punto de vista cooperativo.
Fomos pioneiros nos programas didácticos, algúns con apoio dalgunha das consellerías da Xunta de Galicia. Un deles, o proxecto 'Cooperación, Música, Acción', desenvolveuse durante máis de dez anos seguidos. Nós percorremos todos os colexios de Galicia, chegando a máis de 10.000 nenos ao ano, aos que lles transmitimos a importancia de cooperar a través de xogos musicais e pequenas obras de teatro musical. A cooperación a través da música é unha das nosas razóns de ser, por iso fomos premiados en dúas ocasións por parte da Xunta: en 2007 recibimos o premio á promoción do cooperativismo e, en 2008, o premio aos valores cooperativos.
O Conservatorio Histórico de Santiago ten a mesma oferta académica que os conservatorios públicos?
Queriamos continuar co ensino oficial, ofrecendo a mesma titulación que o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, pero a nosa intención tamén era facer outras cousas que o ensino público non recoñece. Por exemplo, o ensino dedicado aos máis cativos, incluso antes do seu nacemento; o ensino para adultos; o ensino pensado para a familia en xeral e tamén facer outro tipo de programas didácticos baseados na música, sempre para escolares, tanto de educación infantil como de primaria. Neses eidos sempre fomos pioneiros, como no caso de “SONSeBEBÉS”, o primeiro programa que comezou a traballar con futuras mamás e bebés, que abarcaba todos os ámbitos da educación musical desde antes ata despois do nacemento e que tivo un importante impacto mediático non só en Galicia, senón tamén no resto do Estado. Foi un programa novo e que tivo moito éxito. A día de hoxe, en cada curso escolar, seguimos traballando con arredor de 30 mamás e os seus bebés.
Que outros proxectos e segmentos de poboación ten en conta a cooperativa na súa programación educativa?
Tamén incluímos a educación musical a adultos, pero dunha forma moi persoal, porque cada alumno ten unha situación particular. Cremos que o ensino musical a adultos pode ser ameno, para o que se necesita ter dúas ferramentas: uns profesores preparados para facelo dese xeito e uns alumnos con ganas de divertirse e de esquecer a vergonza. Os adultos poden optar ao que se adapte mellor aos seus intereses, desde tocar un instrumento, cantar ou ata dedicarse á informática musical. Incluso tivemos alumnos de máis de 80 anos. Ademais, contamos co conservatorio infantil de tres a sete anos.
Neste centro pódese estudar ata o grao profesional?
Si, preparamos os estudos de grao oficial ata ese nivel. O elemental desenvólvese durante os primeiros catro anos, e o profesional durante os seis seguintes. Os que decidan continuar teñen que preparar a proba de acceso a grao superior, que aquí non ofertamos, pero que si se pode realizar nos dous conservatorios superiores que hai na Coruña e Vigo. Todos os nosos alumnos que se presentaron ás probas de grao superior sempre acadaron excelentes cualificacións, non só en Galicia, senón tamén en Asturias, Zaragoza, Barcelona ou Sevilla, por destacar algúns exemplos. É moi difícil entrar en grao superior porque sempre hai poucas prazas, polo que é necesario estar moi ben preparado para conseguir entrar.
O conservatorio ten un sistema curioso de ensino para os máis cativos, en que consiste?
Nós temos as clases de infantil os mesmos días ás mesmas horas, pese a que son de idades distintas. A idade é un primeiro referente de segmentación, pero non o único. Ao ser a música algo no que intervén non só a capacidade cognitiva e as habilidades, senón tamén a sensibilidade, ás veces hai nenos de cinco anos que precisan pasar un tempo cos de catro e estes cos de sete. Iso para nós é un traballo enorme, que despois os pais entenden e agradecen moito.
Que outros programas do conservatorio destaca?
Actualmente desenvolvemos un programa musical que se chama “Unha viaxe a tempo”, que xa leva catro edicións e do que case sempre se esgotan as prazas debido á súa alta demanda. Está dirixido a alumnos de primaria e a súa finalidade é achegarse á música, arte e ás manifestacións culturais de distintos países. Grazas ao éxito deste programa decidimos comezar outro para educación infantil, que atrae nenos a partir de tres anos doutros colexios, que se chama “Máis que notiñas”. E, entre outras cousas, tamén impulsamos a nosa actividade solidaria a través de concertos solidarios nos que participan os alumnos. Todos estes programas sempre inclúen música en vivo e con moitas actividades participativas.
Cantos alumnos ten o centro?
Entre os distintos niveis hai máis de 200 alumnos, pero a cuestión non é cantos somos, senón que nos coñezamos entre todos, que todos interactúen e participen. E que os alumnos non son propiedade de cada profesor, senón que son de todo o centro, somos unha familia.